A vía de alta capacidade Tui-A Guarda recibe un investimento de case 11 millóns

La Voz

A Guarda

24 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O investimento máis grande que recibe a área metropolitana de Vigo dos orzamentos da Xunta para o próximo ano é, con moita diferenza sobre o resto, unha de 10,9 millóns de euros. Este diñeiro destinarase a acometer a tan ansiada como prometida vía de alta capacidade entre Tui e A Guarda. O viario comezou a facerse fai algo máis de dez anos, pero na actualidade segue inconcluso.

Dentro do municipio de Tui tamén hai outra partida de tan só 50.000 euros baixo a epígrafe «nova CEIP Pazo de Rei». E sen saír da comarca do Baixo Miño, aparece dentro das contas de gastos autonómicos unha partida de once mil euros para o proxecto «Miño, destino navegable».

No Concello da Guarda contémplase a execución da prolongación da rampla de varada do porto con 169.000 euros.

Xa na comarca do Morrazo, os orzamentos inclúen unha partida de medio millón de euros para mellorar a mobilidade viaria entre os distintos municipios. Ademais, poderase acometer a ampliación da atracada no peirao de pasaxeiros do porto de Cangas con 750.000 euros. Moaña aparece tamén con dúas partidas: nunha, de 480.000 euros, figura a pasarela peonil, mentres que a outra, de 150.000 euros, servirá para substituír o paramento do peirao mexilloeiro.

O porto de Cesantes, no Concello de Soutomaior, recibirá dos orzamentos autonómicos do próximo ano case un millón de euros para afrontar as obras de ampliación do dique de abrigo.