Premio en Fitur para Orpagu polas súas prácticas sostibles

La Voz REDACCIÓN

A Guarda

Recibiu o Premio Excelencias Turísticas 2019 na categoría Azul, polo seu respecto ao medio e a elaboración de conservas

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) foi a única empresa galega que abandonou Fitur cunha distinción debaixo do brazo. Regresou á Guarda co Premio Excelencias Turísticas 2019 na categoría Azul, un galardón que recoñece as súas prácticas sostibles tanto na elaboración das súas conservas de atún e peixe espada e os esforzos que os armadores veñen realizando desde hai anos para manter o medio no que traballan.

Que Orpagu teña sido a única empresa galega galardoada nestes distintivos, outorgados polo Grupo Excelencias, é motivo de aínda maior orgullo para a organización que preside Joaquín Cadilla.

Entre as actividades despregadas pola organización nos últimos anos neste ámbito destacan as súas xornadas internacionais de pesca ao redor de temas de actualidade para o sector, cursos de primeiros auxilios para que os pescadores consigan devolver ao mar con vida as tartarugas capturadas de forma accidental, así como a súa participación na creación do FIP Blues, o primeiro proxecto de mellora pesqueira a nivel mundial que inclúe unha especie de quenlla ou a súa aposta polas velas ríxidas para os palangreiros para aforrar combustible e minimizar o seu impacto no medio mariño, entre outras iniciativas.

Orpagu foi preseleccionada xunto a outra empresa española para o Excelencias Azul, pero finalmente o xurado, formado por profesionais independentes do mundo do turismo e a gastronomía, decantouse polo proxecto galego pola súa relevancia e a súa aposta clara pola sustentabilidade.

Os Premios Excelencia son uns galardóns que o Grupo Excelencias creou hai 15 anos co obxectivo de remarcar a grandeza en diferentes ámbitos relacionados co turismo, a gastronomía e a cultura en Iberoamérica e que se converteron nun referente. No 2005, este grupo decidiu que aqueles proxectos, institucións ou persoas do sector turístico que foran excelentes no seu terreo debían ser recoñecidos e premiados, outorgándolles a oportunidade de difundir os seus méritos e resultados. Desta forma, un xurado internacional formado por personalidades da cultura e o turismo analiza os proxectos máis representativos do ano, valorándoos segundo as súas achegas desde moi diversas perspectivas. De feito, o Premio Excelencias pode ser para unha idea, unha innovación, unha asociación… Foi tal o éxito e tantas as candidaturas recibidas que o grupo empresarial decidiu sumar ao proxecto o Excelencias Gourmet para recoñecer traxectorias, esforzos, proxectos e resultados nesta área, así como para dar visibilidade a proxectos gastronómicos que favorecen e apoian a cultura e o turismo.

Á gala celebrada onte acudiu en representación da Organización de Palangreiros Guardeses, Laura Baz, quen recibiu o galardón de mans do presidente do Grupo Excelencias, José Carlos Santiago.