«Óscar segue perdendo peso e case non se levanta da cama»

Monica Torres
mónica torres A Guarda / LA VOZ

A Guarda

cedida

O centro San Xerome acollerá a dous mozos con necesidades de apoio que agardan por unha praza concertada. Buscarán vías de financiamento

14 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«Óscar segue perdendo peso e case non se levanta da cama». Tanto a familia deste mozo que hai un ano pediu praza para o centro de adultos de San Xerome Emiliani da Guarda, en cuxo departamento de educación especial pasou toda a súa vida escolarizado ata xuño, como a dirección da asociación mostran a súa preocupación polo empeoramento da súa saúde. «En Nadal non quixo nin saír cos seus pais, así que a visita que fixo hoxe ao centro con eles e comigo foi realmente o seu mellor agasallo de Reyes», explicaba onte a súa irmá Berta.

Desde o centro advirten do impacto que tanto para el como para a súa compañeira Sara, tamén en lista de espera e as súas familias supón esta situación. «Perderon toda a vida que tiñan en xuño, era todo o que coñecían e era posible para eles. Non se trata de que perdan as rutinas senón que se atopan perdidos porque eses hábitos eran os que estruturaban as súas vidas», confirma o xerente do centro, Feliciano Valcárcel. «As nais non poden acceder a outro emprego para desenvolverse como persoas e socializarse, é case como un secuestro social», apunta.

Desde o San Xerome valoran a resposta de Benestar Social, xa que Ildefonso de Cámpaa Montenegro, director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta, recibiulles en decembro. Só se produciu unha das dúas baixas previstas no centro de adultos e ocupouna outro mozo, ao que legalmente lle correspondía polo programa de Asignación de Recursos. Aquela reunión serviu tamén para sentar as bases dunha reformulación que posibilitaría a praza para un deles, pero o tempo xoga en contra e non poden agardar a que conclúa unha tramitación administrativa. O sistema será permutar catro prazas doutras tantas persoas «con necesidades intermitentes de apoio e que pasaron a FP» por dúas de intensivos.

«Deste xeito crearíanse a praza de Óscar e a doutro mozo, o que reduciría notablemente a presión. Pero, ao parecer, hai que dar 45 días de marxe desde que o 28 de xaneiro a praza queda libre por se o beneficiario quere volver e é tempo que non temos para Óscar», advirte Valcárcel. Confía na sensibilidade da Xunta para buscar unha alternativa ou excepcionalidade que favoreza o acceso. A outra praza tampouco lle corresponde aínda a Sara, pero é tal a necesidade de escolarización de ambos, segundo o centro, que a xunta directiva da asociación decidiu que os dous comecen a gozar do servizo o luns aínda sen saber como van poder financiar estas prazas, que suman 24.000 euros ao ano.

«Se conseguimos que a de Óscar se confirme antes deses 45 días de marxe, con algunha físgoa legal, só teriamos que buscar a de Sara, que é igualmente importante aínda que hai que respectar o regulamento», indican. Comezarán a ver posibles vías de financiamento «onde sexa».