Aspaber emprende a formación dual para 10 alumnos

Xosé Ameixeiras
X. Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

A Guarda

ANA GARCIA

Permite que persoas con diversidade funcional intelectual poidan obter un título en limpeza de superficies e mobiliario

07 dic 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O centro Aspaber de Carballo porá en marcha o próximo día 16 un proxecto pioneiro coa implantación dun plan de formación dual para dez persoas con diversidade funcional intelectual, que terán opción a un título en limpeza de superficies e mobiliario de oficina. Esta iniciativa foi incluída na convocatoria realizada pola Xunta e na que se sumaron outras cinco entidades galegas de Boiro, A Guarda, O Porriño, Vigo e Pontevedra. En total, o investimento é de dous millóns de euros, que proceden dos fondos do Sistema de Formación Profesional para o Emprego (SEPE), do Ministerio de Traballo.

A entidade carballesa leva tempo intentando que as persoas con discapacidade intelectual teñan acceso a unha cualificación profesional, algo que é moi difícil cos plans formativos existentes. Deste xeito, intentan trasladar unha experiencia levada a cabo en Baleares para conseguir dar un novo paso e que os seus usuarios teñan o recoñecemento correcto para as súas habilidades profesionais.

A nova formación dual de Aspaber permitirá que dez novos accedan a unha cualificación profesional de nivel 1. O día 16 será a posta en longo deste modelo que, ademais dos ensinos profesionais, inclúe outras complementarias.

É un novo paso, e está destinado á futuros traballadores da limpeza, pero na organización carballesa agardan dar máis porque, segundo a súa directora, Dolores Fernández, «cantos máis perfís profesionais, mellor». É para a responsable do centro, «un punto de partida necesario».

Actualmente, hai persoas que levan 15 anos traballando con gran eficacia, pero carecen de cualificación profesional algunha recoñecida. Non a poden acreditar.

Co novo plan, os alumnos recibirán formación durante catro horas e durante as outras catro gozarán dun contrato de traballo en prácticas. A duración dos estudos neste caso non será de dous anos como no resto da FP dual, senón que será de tres cursos. Unha parte importante desta iniciativa, segundo comentou Dolores Fernández, é o compromiso das empresas para que os alumnos poidan levar a cabo o contido práctico do programa establecido para ao final outorgar a titulación.

A posta en marcha dunha proposta tan nova está a dar moito traballo e obriga a pór bos reflexos ante cuestións imprevistas. No entanto, Dolores Fernández afirma que o reto xorde de pasos dados con anterioridade en Aspaber, pois é froito da súa evolución cara á integración das persoas con diversidade funcional intelectual.

Os alumnos han de estar inscritos como demandantes de emprego

A Xunta fixo pública onte unha nota na que dá conta de que resolveu a convocatoria deste novo programa de formación dual que permitirá impulsar a integración laboral a través da cualificación e a experiencia profesional. Cos seis proxectos aprobados serán 60 as persoas que seguirán este primeiro plan nas seis entidades de Galicia. Son Aspaber de Carballo e San Jerónimo da Guarda, ambos co certificado de profesionalidade de limpeza en superficie e mobiliario de oficina; Juan María Emprego, de Vigo, con actividades auxiliares de comercio, e Aceesca, do Porriño, Servinserta, en Boiro, e a Fundación XXIII, de Pontevedra, para certificados de auxiliar en viveiros, xardíns e centros de xardinería.

Os alumnos, indican desde o Goberno galego, deberán estar inscritos como demandantes de emprego. Terán contrato para a formación e a aprendizaxe, de tres anos de duración. Os centros beneficiados son os que han de pór en marcha o itinerario didáctico adaptado e estable. O apoio a cada traballador acada os 34.482 euros polos tres anos.

Aspaber e os outros cinco centros especiais obteñen as axudas necesarias para asumir os custos salariais dos participantes, o desenvolvemento das actividades formativas e a contratación de persoal de apoio e acompañamento aos alumnos con diversidade funcional intelectual.

«Esta nova medida -indica o Goberno galego- forma parte dás diferentes iniciativas desenvoltas pola Xunta para impulsar a inserción laboral dás persoas discapacitadas».