O Guardés acostúmase a Europa

m. v. f. VIGO / LA VOZ

A Guarda

Tamara Alonso

Mídese ao Rotweiss en Suíza na súa sétima andaina continental seguida

09 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Guardés hase ir convertendo aos poucos nun clásico de Europa. O equipo que dirixe José Ignacio Pais mídese mañá ao Rotweiis suízo no seu debut continental desta tempada, pero a súa incursión en torneos internacionais é case un costume. Máis aló de ser flor dun día, a idade de ouro do Guardés no deportivo segue sumando capítulos e será a sétima tempada en que compitan a nivel internacional.

«É un orgullo levar o nome da Guarda e de Galicia por Europa. Para o club e para as mozas é moi importante poder estar e temos moitas ganas de empezar a competir e poder chegar o máis lonxe posible», di o preparador do equipo. Destaca que, unha vez máis, e como sempre lles pasa, toca medirse a rivais que a priori parecen «máis grande e máis fortes que ti», pero que as guardesas van coa idea de facer un bo papel e sen renunciar a nada.

Precisamente, de renuncia falou en máis dunha ocasión o presidente do equipo, José Manuel Silva, debido ao custo económico que supón para un equipo humilde como eles afrontar un reto desta magnitude. O máximo responsable da entidade chegou a asegurar que en caso de clasificarse a tempada pasada como así sucedeu, non poderían participar, aínda que finalmente o están facendo.

Á pregunta de se podería ser a última participación do equipo, Prades prefire non adiantar acontecementos, pero apunta que «hai que estar preparados para todo porque non se sabe o que pode pasar a partir de maio», sen descartar ningunha posibilidade. Do que non ten dúbidas é de que o factor económico non vai ser un límite na súa participación en EHF que comeza mañá. «O que vai pasar máis aló non o pode asegurar ninguén, pero o club e o presidente fixeron un gran esforzo e déronnos a tranquilidade de que esta tempada está asegurada», puntualiza.

Ata agora a marca do Guardés márcao a tempada pasase, cando lograron superar dúas roldas antes de quedar ás portas dunha remontada heroica fronte ao Youth Union of Athienou. Tamén na tempada 2016/2017 eliminaron a dous rivais. Agora enfróntanse a un rival que, lembra Prades, enfróntanse a un rival que «non o vai pór nada doado» e que estivo a piques de eliminar ao Málaga o ano pasado. «Tócanos estar á altura das circunstancias», di confiado en que será así.

Contento co rendemento do Guardés nunha liga igualada, lembra que no verán, tras moitos cambios no persoal, situábaselles como un dos equipos que máis potencial perderan e con todo a táboa non di o mesmo. «As cousas demóstranse con feitos. Temos un equipo onde todo o mundo se sente importante».