O Guardés quere completar a xesta europea ante o Kuban

La Voz VIGO / LA VOZ

A Guarda

cedida

Balonmán | EFH As de José Ignacio Prades parten cun gol de vantaxe no partido de volta, pero saben da dificultade

18 novs 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O Guardés recibe hoxe na Sangriña (18.10 horas) ao Kuban ruso coa renda dun gol (26-27) que logrou fai unha semana na súa visita a Krasnodar. Tras a épica dese primeiro partido, móstranse «seguras de deixar a pel na pista» e, ao mesmo tempo, de que co apoio da súa afección, «nada é imposible», en palabras dunha das capitás do equipo, Estela Doiro.

«Sei do gasto que pode supor ir ver o partido deste domingo, sei da dificultade que este ten e sei que o pase está complicado», comezaba Doiro. Pero engadía que tamén é consciente de que será «un gran partido, un partido de emocións, un partido para vibrar, un partido para seguir facendo historia xuntos», continuaba.

Desde o club están convencidos de que á parte da importancia do que ocorra na pista, o partido xa está gañado no aspecto anímico e emocional nas bancadas da Sangriña. Agradecen que desde o asubío final de Krasnodar a afección guardesa comezou a envorcarse cun equipo que logrou gañar tras unha viaxe de 43 horas. Despois, desprazáronse a Canarias, onde retomaron a liga cunha dura derrota pola mínima ante o Rocasa.

O Kuban chegou á Guarda o venres a última hora, tras aterrar en Madrid e desprazarse en autobús ata O Baixo Miño. Cunha renda mínima e coa única baixa de Sarah Valero, o equipo que dirixe José Ignacio Prades pelexará pola clasificación para a fase de grupos da EHF Cup, o que suporía seguir facendo historia.

A tempada pasada foi apeado da segunda competición continental en segunda rolda e este ano acadou con moito mérito ante o Hypo austríaco a terceira fase do torneo. En caso de pasar, o presidente do club anunciou que renunciarían.