Compra unha tele, encerra por presunto roubo ao vendedor e acha o diñeiro tras ser detido

La Voz A Guarda / LA VOZ

A Guarda

Brais Martinez

A Garda Civil arrestou ao veciño da Guarda

20 oct 2018 . Actualizado ás 06:00 h.

A Garda Civil detivo a un veciño da Guarda como presunto autor dun delito de ameazas de morte con arma branca, lesións e detención ilegal. A suposta vítima é outro mozo ao que pouco antes lle comprou unha televisión por uns 30 euros. O detonante do enfrontamento, a última hora do xoves na rúa Joaquín Alonso, non parece que teña tido nada que ver con esa compra aínda que se produciu pouco despois, cando este último lle pediu ao vendedor que acudise ao seu domicilio. Non foi unha invitación para ver a tele, aínda que o piso se transformou nun escenario de película de terror. Polo menos, para a suposta vítima, que aínda que foi rescatado pola Garda Civil, sufriu antes algúns cortes. O arrestado alega que estaba convencido de que lle faltaban 150 euros así como unha cartilla de aforros e que a súa presunta vítima sería o presunto ladrón. Unha vez que o home que lle vendeu a televisión chegou ao seu domicilio, o comprador comezou coas ameazas de morte reclamándolle o diñeiro. Ao parecer, chegou a esgrimir un coitelo, co que lesionou ao seu invitado e encerrouno no domicilio para recuperar o seu diñeiro. Tras unha hora de tensión, o vendedor convenceuno para que lle deixase telefonar a un terceiro, que lle traería o diñeiro. A chamada foi o salvoconducto porque o seu amigo advertiu á Garda Civil, que puxo o final feliz ao episodio. O detido deuse conta por si só que non houbo nin roubo porque achou o diñeiro en casa.