A Xunta inviste 800.000 euros no porto da Guarda

La Voz

A Guarda

M.MORALEJO

Portos de Galicia repara os danos dos temporais de inverno

24 sep 2017 . Actualizado ás 11:08 h.

A Consellería do Mar inviste 800.000 euros na reparación e mellora do peirao e o paseo portuario do municipio da Guarda, segundo o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha recente visita á zona para comprobar o avance dos traballos, que se atopan xa moi próximos ao seu final.

Durán Hermida explicou que os traballos inclúen a reparación dos danos ocasionados polo temporal do pasado inverno no peirao e céntranse na reposición do dique e o contradique de abrigo, que sufriran derribas parciais debido ao impacto das ondas. As obras céntranse na reparación e reforzo do contradique mediante bloques de formigón de 130 toneladas na zona máis próxima ao morro, así como a reposición de bloques de 50 toneladas na zona central e no arranque, e reforzo con dique de máis de 5 toneladas da parte interior da dársena.

O presidente de Portos de Galicia engadiu que o ente público aproveitou a reparación necesaria dos danos que o temporal producira tamén no paseo marítimo para executar nel unha obra de reforzo da estabilidade para fortalecer a suxeición do mesmo, que se viu afectada pola acción do mar. Nesta zona estase traballando nunha superficie de 400 metros de longo por 5 de ancho e estanse enchendo os ocos detectados na parte baixa.

Durante a súa visita, Durán explicou que as obras devolverán as estruturas danada ás súas condicións habituais, dotando de seguridade e operatividade ao porto e que grazas ao reforzo practicado mellorará a súa estabilidade de cara a futuros temporais.