Unha ducia de porcos en plena autovía obrigan a cortar o tráfico na Cañiza durante horas

Monica Torres
Mónica Torres A Cañiza

A Cañiza

Garda Civil

O camión que os transportaba sufriu unha saída de vía. O copiloto tivo que ser excarcerado por unha posible fractura de brazo, quince gorrinos faleceron e a Garda Civil conseguiu reunir aos demais evitando máis sinistros

15 ago 2020 . Actualizado ás 18:30 h.

O accidente dun camión que transportaba animais vivos produciu unha insólita e perigosa situación na autovía A-52 , á altura da Cañiza. A Garda Civil tivo que esmerarse xa que parte da carga do vehículo saíu por pezuñas ao verse liberados tras o envorco do vehículo no que os trasladaban.

Foi sobre as nove da mañá, á altura do quilómetro 275, cando o camión, no que viaxaba unha muller ademais do condutor, sufriu unha saída de vía cando circulaba en dirección ao Porriño. Tras o impacto, polo menos unha ducia de gorrinos quedaron soltos polos dous carrís de circulación, co consecuente risco para a circulación viaria. A Garda Civil despregou de inmediato un operativo, no que participaron Tráfico e Seprona, que obrigou a restrinxir o tráfico provocando grandes retencións, pero que evitou que producisen máis sinistros xa que os gorrinos estaban en plena calzada.

Os gardas conseguiron pór a recado os porcos que se escaparon pero nada puideron facer polos que non sobreviviron ao impacto. O camión transportaba un centenar de exemplares no momento do sinistro. O piloto puido saír polo seu propio pé pero non o seu acompañante, que tivo que ser excarcerada polos bombeiros do Porriño e Ponteareas xa que se lle quedou un brazo atrapado. Desde alí foi evacuada a un centro médico. Foi preciso cortar os dous carrís de circulación e desviar o tráfico pola Nacional-120, durante máis de tres horas.