
O técnico de Samertolameu reside en Boiro, traballa en Ares e adestra en Moaña, sumando máis de 400 quilómetros diarios
19 jul 2025 . Actualizado á 15:09 h.Alberto Hermo, coñecido como Eclise, cruza de punta a punta Galicia cada vez que ten que adestrar ao seu equipo de traiñeiras, o Club de Remo Samertolameu de Meira. Residente en Boiro, levántase a diario ás cinco da madrugada para estar á primeira hora da mañá traballando en Ares, na ría de Ferrol. Mergullador recolector de oficio, pasa, aproximadamente, catro horas inmerso na auga. Capturada a presa, preto do mediodía, regresa do mar para levar toda a súa caza á lonxa.
Finalizada a súa xornada de traballo, e tras comer no seu coche, chega o segundo desprazamento do seu día, que é, con diferenza, o máis longo. Desde Ares viaxa ata Moaña con tempo para preparar as sesións de adestramento do seu equipo, que este domingo (12.00 horas) desde o porto de Meira competirá na undécima edición da Bandeira Illa de Samertolameu-Concello de Moaña.
Outras dúas horas na auga despois, e xa coa tarefas deportivas feitas, recolle todo o arsenal e pon rumbo ao seu fogar para o último desprazamento do día. Con casi cincocentos quilómetros amais, Alberto Hermo entra pola porta da súa casa para estar un tempo coa súa familia, cear e deitarse relativamente cedo para prepararse para volver afrontar a rutina.
A odisea que, en orixe, ía ser duns meses, dilatouse para todo o ano. Un reto que, se xa de seu era inmenso para un curto tempo, volveuse maiúsculo da noite para a mañá.
Lidar con esa atarefada vida, como é de agardar, é moi complicado, e o propio Hermo recoñece que só é posible grazas á axuda incondicional da súa esposa. «A miña muller é a peza crave de toda esta tolemia. Faime todo superfácil», recoñece o boirense.
A vida social e familiar tamén se viron reducidas ao mínimo para Alberto. «Hai semanas que á contorna social e aos meus pais, o meu irmán e os meus sogros non os vexo», asegura apenado.
Restan moitos días de tolemia para Alberto Hermo ao longo do ano, e aínda que é mozo e atópase ben física e mentalmente, é consciente de que «non se pode manter durante un período moi longo» e, de feito, advirte que «nin a medio prazo é viable».