A Policía local detívolle nun control na avenida Beiramar con 3.800 euros, mal aparcado e co coche infestado de substancias
18 jul 2025 . Actualizado á 22:21 h.A Policía Local detivo por un delito contra a saúde pública a un ecuatoriano de 40 anos que ía co coche cargado de anabolizantes, Viagra e outros medicamentos e levaba uns grillóns. O home foi detido porque estaba mal aparcado ás 15:17 horas do día do Carmen na Avenida de Beiramar. O condutor, ao decatarse da presenza policial, iniciou a marcha de xeito apresurado, sendo interceptado na rúa Gaiteiro Ricardo Portela, dado que segundo figura na base de datos da DXT, ao titular non lle constaba permiso vixente. Unha vez detido o vehículo, confirmouse que tal circunstancia debíase a unha errata, notificada para a súa corrección.
O home, I. E. R. Q, de 40 anos de idade, mostrábase moi nervioso e evasivo nas respostas ás preguntas realizadas polos axentes, tratando de apearse do vehículo en todo momento. Atendendo a esa conduta, realizóuselle un cacheo superficial, atopándolle na mochila que portaba dúas blísteres de Methyltestosterone con cinco pastillas.
Procedeuse á revisión do interior do vehículo ante a sospeita fundada de que podía portar máis substancias, atopando unha alxibeira que se atopaba sobre o asento do acompañante con 3.819 euros.
Debaixo dese mesmo asento había unha caixa de bochas inxectables de Somatogen con 10 viais. Distribuídos polas guanteras localizaron unha caixa de Clembuterol con 64 pastillas, un blíster de Viagra Sildenafil 200 mg con seis pastillas de cor azul, un envase de Viagra Sildenafil 200 mg con seis pastillas de cor negra e unha caixa de Anavar con 39 pastillas.
Para rematar, no maleteiro, nun pequeno espazo, debaixo da roda de reposto, acháronse uns grillóns metálicos que usan os traficantes para inmobilizar a outras persoas.