
O xogador do Coruxo anunciou no verán do 2024 que deixaba o fútbol, pero deu marcha atrás aos dous meses e agora renova co equipo vigués
18 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.David Añón (1989), un futbolista con amplo percorrido no fútbol galego, anunciou no verán do 2024 que colgaba as botas aos 35 anos. Sentiu que chegara o momento e despediuse. Pero foi só por dous meses. Pronto retornou ao que considera un dos clubs máis importantes da súa carreira, un Coruxo co que este ano renovou xa sen suspense. «Hai una ano, rematou a tempada e pareceume que era un bo momento para deixalo», lembra. Con todo, desde o club insistíronlle para que o retomase e el, que tamén botaba de menos o deporte, accedeu a dar marcha atrás na súa decisión.
Confesa que por aquel entón estaba «moi cansado, moi queimado», pero o parón dun par de meses, que afrontou con esa idea de que era o seu adeus definitivo, fíxolle ver as cousas doutro xeito. «Ao final, o fútbol é o que levo facendo toda a vida, o que me apaixona, e por iso quixen volver», apunta. Segue indo e vindo a diario desde A Coruña, onde reside, un dos hándicaps que sortea: «Cando chegan os meses de marzo e abril, faise moi pesado, por moito que o aproveites para estudar ou facer outras cousas», que é o que el intenta sempre.
Non oculta que o dicir adeus e volto logo valeulle máis dun vacile dos seus compañeiros. Pero eles, que o coñecen ben, son os primeiros que son conscientes da súa paixón polo fútbol. «Saben que a miña vida é isto e sempre me animaron a seguir. Agora estou moi contento de retomalo», expresa. E tamén admite que, pasado un ano, pregúntase como puidera dar ese paso con todo o que lle quedaba aínda por vivir como futbolista. «É unha sorte poder facer o que che gusta canto máis tempo, mellor, e que nos paguen por isto. Nunca me arrepentín de volver aínda que fose un ano duro por temas de lesións e contratempos familiares», confesa.
Chegado o final desta tempada, xa non tivo dúbidas acerca da súa continuidade. «Desta vez xa sabía que quería seguir. Ademais, desde o club trasladóuseme en todo momento que desexaban que fose así, desde antes de rematar a tempada e foi moi fácil acadar un acordo», revela. Agora, xa non se para a pensar se esta campaña 2025/2026 será ou non a última. «De momento, quero desfrutar dela, vivir o momento e cando chegue o final, xa se verá. Por agora, o que pretendo é gozar de cada día e poder absorber o máximo posible».
Más alá da meta colectiva, que volverá ser a permanencia en Segunda Federación, a principal que se marca Añón no plano individual é contribuír ao crecemento dos compañeiros e, en especial, dos máis mozos. «Gústame axudar en todo o que poda e ver como melloran día a día. Despois da salvación do equipo, iso é o que máis satisfacción persoal que produce», sostén. É unha das motivacións que máis lle moven a estas alturas da súa dilatada traxectoria. «É moi gratificante ver como melloran en todos os aspectos, tamén e cabeza, para ser mellores futbolistas e conseguir entre todos que o club se manteña», indica.
Esta pasada campaña, tocoulles vivir o cesamento dun adestrador, David de Dios, e a chegada do que seguirá á fronte este próximo curso, Javi Pereira. «Ao final, xa se sabe que é moito máis fácil botar ao adestrador que a todos os demais. David e Ropero fixérono o mellor que puideron e si que ao mellor era momento de dar un cambio de rumbo a isto coa chegada de Javi», expón. Considera que o impacto do novo corpo técnico foi positivo, «notouse un montón, o equipo deu un cambio e un paso adiante en certos aspectos para conseguir una salvación non se pode dicir que folgada, pero máis ou menos tranquila», lembra.
Entre os seus incentivos para continuar tamén está aspirar a unha despedida definitiva con mellor sabor de boca, xa que esta última liga estivo marcada para el polas lesións, que lle impediron ter a continuidade que desexase. «Quero intentar acabar da mellor maneira. Entre os problemas físicos e eses contratempos familiares que dicía, foi difícil, e gustaríame poder ter unha tempada tranquila aportando máis», di no referente ao céspede.
Feliz nun Coruxo onde leva cinco anos, está «moi agradecido pola acollida desde o primeiro día» e valora o «mérito terrible» das persoas que traballan para que a entidade saia adiante e tamén está especialmente satisfeito co novo proxecto, cunha firme aposta polo talento galego. «Creo que por aí e por onde temos que ir», conclúe.