Rueda lamenta que Abel Caballero non lle diga «á cara» todo o que lle reprocha á Xunta

VIGO

Alejandro Martínez

Considera que o alcalde de Vigo só ten intención de confrontar

03 oct 2022 . Actualizado ás 17:11 h.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, afeou o plantón que dá por feito protagonizará esta tarde o alcalde de Vigo, Abel Caballero, na primeira cita itinerante que o mandatario galego manterá ao longo de outubro cos rexedores das cidades galegas.

O responsable do Executivo autonómico, que asegurou non ter ningunha confirmación da alcaldía viguesa sobre a asistencia ou renuncia ao citado encontro, dixo, seguindo os avisos do propio Caballero na prensa de que non acudirá á reunión, que lamentaba que «quen fala tantas veces da Xunta, tantas veces refírese ás actuacións da Xunta en Vigo, cando ten a oportunidade de facelo á cara do presidente da Xunta, resulta que esa reunión non vai ter lugar cando son as mesmas condicións que cos demais alcaldes».

Antes de participar en Vigo nun encontro da agrupación europea Galicia-Norte de Portugal , Alfonso Rueda sinalou ao alcalde olívico que «non se pode dicir que se tende a man, e cando hai que falar, resulta que non», sinalou sobre a disposición previa de Caballero ao citado encontro que mañá si terá lugar entre o presidente galego e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey , do PSOE como o político vigués, que non aceptou celebrar o encontro na sede local da Xunta e aínda menos en presenza da súa delegada, Marta Fernández-Tapias, á súa vez candidata á alcaldía nas eleccións municipais do ano que vén. «Non vou regalar fotos electorais», dixo esta fin de semana Abel Caballero para rexeitar un encontro no que estivese presente a súa adversaria. 

O presidente galego pediu desculpas á cidadanía polo espectáculo que xera a política en ocasións como esta en lugar de aproveitar para acadar acordos. Segundo manifestou, a vontade de Caballero limítase a confrontar, desaproveitando oportunidades «para sentarnos a falar».