A gran folga de 1972 está na rúa

La Voz

VIGO

CEDIDA POR CC.OO. VIGO | EUROPAPRESS

Príncipe acolle unha exposición que lembra o histórico paro que detivo Vigo máis de 15 días

03 oct 2022 . Actualizado ás 05:10 h.

Rúa do Príncipes • Todo o mes de outubro • O Concello de Vigo coorganiza unha exposición na rúa do Príncipe para conmemorar a folga xeral que tivo lugar en Vigo en setembro de 1972. A iniciativa parte dos protagonistas daquela gran folga. Exdirigentes do sindicato CC.OO. cederon imaxes de arquivo e fixeron o traballo de documentación para poder levar a cabo esta acción conxunta co Concello vigués.

É un conxunto de paneis nos que se recollen recortes da prensa da época a través dos cales se pode seguir aqueles acontecementos. Durante máis de quince días, a maior parte da industria viguesa cesou a súa actividade. Todo comezou na factoría de Citroën, onde os traballadores quería incluír no convenio o descanso durante a tarde dos sábados. A reacción da empresa, despedindo a varios sindicalistas, provocou que o conflito laboral se estendese e adoptase un cariz político. Durante a presentación da exposición a pasada semana, o alcalde de Vigo sinalou que o obxectivo da mesma é render homenaxe aos protagonistas daqueles acontecementos, que se produciron cando aínda estaba vivo o ditador Francisco Franco. Lembrou que as folgas de 1972 comezaron en Santiago, despois pasaron a Ferrol e, finalmente, chegaron a Vigo. Comisións Obreiras segue apoiando a reclamación de dedicar un espazo público de relevancia en Vigo a folga de setembro de 1972.