O módulo de atletismo do Ifevi segue sen licitarse tras 10 meses

a voz VIGO

VIGO

Xoán Carlos Gil

A Xunta, que fixo o anuncio en xaneiro e que fixou un prazo de execución de seis meses, di agora que traballa no expediente de contratación

23 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O 8 de xaneiro pasado, a Xunta de Galicia anunciou que o atletismo vigués contaría cun módulo homologado no Ifevi no prazo de seis meses. Con todo, dez meses despois, a obra está pendente de licitación segundo informa a Secretaría Xeral para o Deporte.

«A Xunta traballa na construción do pavillón 5 do Ifevi no que estará emprazado o novo módulo de atletismo», comentan desde o ente deportivo autonómico, onde tamén indica que «neste intre, a Secretaría Xeral para o Deporte traballa no expediente de contratación e estímase que se publicará a licitación da actuación nas vindeiras datas, como paso previo ao inicio das mesmas».

Sen datas concretas para a súa execución, a obra que debe paliar, segundo a propia Xunta de Galicia indica, «o déficit de infraestruturas que padece o concello e a súa contorna», sufrirá un considerable atraso, o que augura un inverno de adestramentos ao aire libre ou de escapadas ao módulo de Ourense dos atletas vigueses, que unha vez máis, non poderán preparar dun modo específico a pista cuberta.

O proxecto do módulo de atletismo do Ifevi, segundo desvelou no seu día Alberto Núñez Feijoo, contará cunha recta de 60 metros con seis cales e espazos para o salto de lonxitude, tripla, altura, pértega e lanzamento de peso.

O proxecta daría continuidade á idea de espazos multifuncionais que xa se puxeron en práctica en Ourense, onde a pista de atletismo está situada no recinto feiral de Expourense ou o rocódromo de Lugo que está situado no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. «Apostamos por unha dobre infraestrutura expositiva e deportiva», comentou o presidente da Xunta no acto de presentación dun módulo que non será unha realidade polo menos ata o ano 2022.

Nestes momentos, o atletismo vigués conta como único espazo dispoñible as pistas de Balaídos, que tamén están pendentes de reforma e que caso de choiva, se encharcan en diferentes lugares, o que dificulta os adestramentos.