Susana Seivane e Felpeyu pechan o Intercéltico

VIGO

CAPOTILLO

Os dous concertos desenvolveranse pola mañá e a noite no escenario situado xunto ao palco do paseo marítimo

01 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Conclúe hoxe a XXXVII edición do Festival Intercéltico de Moaña . A programación ofrecerá dous concertos repartidos entre a mañá e a noite. Abrirá a xornada Susana Seivane ás 12.30 horas no escenario habilitado diante do palco do paseo marítimo. A gaiteira galega segue levando aos directos os temas incluídos no álbum nado durante a pandemia, titulado Dende o meu balcón.

O último concerto do festival comezará ás 22.00 horas, momento no que subirán ao escenario os compoñentes do grupo asturiano Felpeyu. A reelaboración da música tradicional de Asturias nunha liña paralela ás tendencias que se dan hoxe no folk europeo é o obxectivo do traballo do grupo. Para iso, sérvense dunha instrumentación, unhas técnicas interpretativas e uns arranxos que lles permiten conseguir ese fin.

O festival contou nas anteriores xornadas coas actuacións de Xosé Lois Romero e Aliboria, na primeira xornada, e de Xisco Feijoó, na xornada do pasado sábado 31 de xullo.