O goberno de Cangas terá que abordar a crise no pleno do día 30 polas mocións de Avante! e BNG

m. j. f. CANGAS / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

As propostas piden reprobar a algúns concelleiros e a dimisión doutros

21 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao pleno de Cangas do día 30 non quedará outra que abordar o tema da crise de goberno ao estar incluídas na orde do día as mocións presentadas polos grupos Avante! e BNG. Na primeira pídese reprobar e asumir responsabilidades políticas a todo o equipo de goberno pola súa irresponsabilidade na defensa ambiental sobre as dunas e vexetación protexida da praia de Rodeira. Insta a recuperar o espazo con carácter urxente e a renunciar a organizar nel probas deportivas incompatibles co medio ambiente.

A moción do BNG propón reprobar e pedir a dimisión dos concelleiros Eugenio González, Pilar Nogueira e Ingrid Loredana.

A outros tres solicita reprobar e rectificar. Neste caso trátase de Aurora Prieto, Mariano Abalo e a alcaldesa Victoria Portas.

Reclama a reposición da zona ao seu estado anterior e a prohibición do uso e tránsito nesa zona ata que se recupere de forma efectiva.

Os traballos de recuperación da zona dunar xa se iniciaron co valado de todo o perímetro para evitar que sexa pisado ou utilizado polos bañistas. No que se refire a asunción de responsabilidades, a alcaldesa pediu desculpas públicas polo ocorrido, aínda que puntualizou que ela non deu permiso para traballar con máquinas.

De momento a actividade do goberno local corre a cargo practicamente de dous concelleiros: a propia alcaldesa, Victoria Portas, e Mariano Abalo. O outro edil de Alternativa Canguesa de Esquerda (ACE), Adrián Pena, atópase de baixa na actualidade, e Aurora Prieto (de Esquerda Unida, aínda que integrada en ACE) quéixase de que non contan moito con ela.

Os catro concelleiros do PSOE (dous cesados e dous que dimitiron) pensan exercer o seu traballo desde a oposición, agardar e dar unha marxe para ver como discorren os acontecementos no goberno municipal. «Non penso deixalo, ao meu téñenme que mandar para casa os que me votaron e terá que ser nas eleccións do 2023. Imos seguir os catro para o bo e para o malo porque así o decidiron os veciños», comenta o portavoz socialista Eugenio González. Indica que «cando ACE leva a cabo algo que non está ben, como a perda de subvencións por unha mala xestión, pide perdón e segue coma se non pasase nada, pero cando incumbe a outros, césaos».