Medio Rural mantén baixo vixilancia por coronavirus a oito granxas de visóns

Maruxa Alfonso Laya
m. alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

VIGO

WWF

Só unha explotación da Baña, na que se sacrificaron todos os animais, e outra de Santiago puideron retomar a súa actividade e están libres de restricións

19 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O coronavirus volveu a pór o foco sobre as granxas de visóns, unhas explotacións con gran presenza en Galicia. E é que se antes da pandemia os colectivos ecoloxistas xa pedían o peche destas instalacións, despois de coñecerse que estes animais se contaxian con facilidade desta enfermidade, estas mesmas asociacións insisten na necesidade de pechalas. Desde principios de ano, en Galicia detectáronse visóns contaxiados nun total de dez explotacións. Oito delas permanecen actualmente baixo vixilancia oficial.

«Todas as explotacións de visóns nas que se confirmou a presenza de SARS CoV-2 en Galicia continúan baixo vixilancia oficial dos servizos veterinarios da Consellería do Medio Rural, inmobilizadas e sometidas aos controis sanitarios periódicos», aseguran desde a Administración autonómica. Todas excepto dous. Unha delas é a da Baña, na que se detectou o primeiro caso de contaxio na comunidade. Sucedeu o pasado mes de xaneiro e, ata agora, foi o único no que se optou por sacrificar a todos os animais. Tras a destrución dos cadáveres e a posterior limpeza e exhaustiva desinfección das instalacións, esta explotación puido recuperar a normalidade durante o pasado mes de xuño. Tamén o fixo xa a explotación na que se detectou o segundo caso, a de Santiago. Aí houbo en marzo cinco positivos, entre 6.500 animais, que obrigaron a manter baixo vixilancia estas instalacións.

O pasado mes de xuño saltaron dous positivos máis: unha explotación de Carral na que houbo cinco animais contaxiados confirmados en análises rutineiras, e outras catro de Abegondo, A Baña e Santiago. E o 2 de xullo detectouse nunha granxa de Oza-Cesuras. O último caso fíxose público o pasado venres, con dúas granxas máis afectadas en Negreira e Sobrado dos Monxes. Así, oito explotacións permanecen baixo vixilancia, tal e como establece o programa de prevención e control do covid-19 en granxas de visón americano do Ministerio de Agricultura. Pero é que, ademais, a Xunta mantén a vixilancia nas outras explotacións, onde se fan análises cada quince días.

Vinte centros na Coruña, catro en Pontevedra e un en Lugo

Segundo os datos da Consellería do Medio Rural, Galicia conta actualmente con 25 explotacións gandeiras dedicadas á cría de visón, nas que se coida de 71.479 femias reprodutoras. A maioría destas granxas, un total de 20, sitúanse na provincia da Coruña, mentres que outras catro están na de Pontevedra e só una na de Lugo. Desde a Asociación Española de Criadores de Visón (Agavi) calculan que cada campaña se producen na comunidade 615.000 peles, cifra que se duplicou nos últimos quince anos pola demanda de países como China ou Rusia. E é que, curiosamente, toda a produción deste sector expórtase a casas de poxas de Dinamarca, Suecia, Estados Unidos e Canadá, xa que así é como está regulado.

Agavi tamén asegura que, en toda España, as explotacións de visón americano xeran 1.500 empregos directos e outros 3.000 indirectos, cunha facturación superior aos 12 millóns de euros na comunidade galega. E é que aquí é onde se asintan o 80% dos criadeiros que hai en España.