O Cunqueiro estrea unha unidade de imaxe cardíaca que permite facer no mesmo día ecocardiograma, resonancia e tac

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

O novo dispositivo asistencial converte ao de Vigo no primeiro hospital de Europa que conta con ese equipamento de alta tecnoloxía

10 may 2021 . Actualizado ás 21:47 h.

O Hospital Álvaro Cunqueiro acaba de pór en marcha unha nova Unidade de Imaxe Cardíaca, converténdose así no primeiro hospital de Europa que conta cun sistema de imaxe avanzada cardiológica co máximo nivel de integración, a través da incorporación dun novo equipamento de alta tecnoloxía específico.

Trátase dunha Unidade interdisciplinar na que participan especialistas dos servizos de Cardioloxía e Radiodiagnóstico, que ten por obxecto incrementar a eficiencia e calidade dos estudos de imaxe avanzada cardiovascular ao unir a experiencia de ambas as especialidades e ampliar así a capacidade diagnóstica das patoloxías cardíacas grazas ao traballo coordinado entre as dúas. Así mesmo, pretende tamén xerar coñecemento a través do fomento da investigación neste ámbito.

O xerente do Sergas, José Flores, acompañado polo xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Ponte, realizou unha visita a esta Unidade e subliñou que «este hospital xa é un centro sanitario de referencia en imaxe avanzada cardiovascular tras a adquisición de tecnoloxía sanitaria innovadora, que permite, grazas a ferramentas como a intelixencia artificial, a integración de todas as súas probas de imaxe nunha única plataforma. Así, a sanidade pública galega dispón da mellor información diagnóstica por imaxe cardiovascular que a tecnoloxía actual pode ofrecer, coa maior seguridade para o paciente e co obxectivo posto na excelencia diagnóstica e na decisión terapéutica precoz»

Neste novo dispositivo asistencial, ademais dos radiólogos e cardiólogos, traballa tamén o equipo de persoal técnico e de enfermería. A previsión é que se realicen uns 5.000 estudos diagnósticos anuais. Asegura o xefe do servizo de Cardioloxía, Andrés Iñiguez, que dita unidade «marcará un punto de inflexión na atención ao paciente cardíaco xa que nos permitirá potenciar a consulta de acto único de cardioloxía na que, no mesmo día, ao paciente poderánselle realizar as probas diagnósticas necesarias de imaxe avanzada cardiovascular - Ecocardiogramas, Resonancia ou tac- que nos posibilitará un diagnóstico e inicio de tratamento nun tempo marca».

Novos equipos de Resonancia magnética e tac

A Unidade de Imaxe Cardíaca está dotada cun innovador sistema tecnolóxico, baseado na incorporación de novos equipos de imaxe diagnóstica específicos para cardioloxía -un tac e unha resonancia magnética- e na integración desa imaxe nunha única plataforma dixital dispoñible para acceder desde calquera punto dos servizos de cardioloxía e radioloxía.

O xefe do servizo de Radiodiagnóstico, Xan Vieito explica que «é un equipo único polas súas capacidades clínicas, xa que se trata do primeiro sistema de resonancia magnética avanzado cunha configuración específica para as probas de imaxe cardiovasculares, que ata agora presentaban grandes limitacións. A nova tecnoloxía permite atender a demanda de calquera tipo de estudo con independencia do estado ou a condición do paciente, aínda que presente ritmo irregular ou frecuencias altas; ademais de reducir de xeito significativo o tempo que debe permanecer dentro do equipo».

A maiores, por primeira vez, a RM cardíaca pódese facer a respiración libre, mentres o paciente respira con normalidade, sen necesidade de realizar apneas, permitindo mesmo estudos en pacientes con arritmias ou dificultades respiratorias, algo que non é viable cos equipos de resonancia convencionais.

O sistema integrador permite obter a imaxe en tempo real, desde calquera punto dos servizos implicados, cun postprocesado avanzado. «A finalidade é axudar ao profesional no proceso do paciente desde que entra no hospital ata que abandoa o centro, nun acto único. Para iso, tanto a imaxe como os seus resultados deben estar onde sexa necesaria esa información para que o estudo desas probas sexa rápido e eficiente. Os facultativos deben poder acceder a elas con capacidade para postprocesar en calquera punto (sala de consulta, de informes, sesións clínicas, ecétera). Os resultados deste informado acompáñanse das imaxes de referencia, así como dos datos e gráficas relevantes do estudo», sinalan engadindo que a dispoñibilidade desta plataforma de imaxe, con acceso desde calquera lugar, permitirá nun futuro «a integración do Grao de Biomedicina na formación, investigación e desenvolvemento, con ferramentas reais de primeira orde universitaria mundial».