A idade media na área de Vigo: entre os 40 de Salceda e os 57 de Crecente

María Jesús Fuente Decimavilla
maría j. fonte SALCEDA / LA VOZ

VIGO

ALEJANDRO MARTINEZ MOLINA

A relación calidade-prezo da vivenda, a proximidade a zonas industriais e os servizos gratuítos son decisivos

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A súa localización entre as comarcas do Condado, A Louriña e O Baixo Miño e a proximidade a zonas industriais son sin duda dous atractivos de Salceda de Caselas, pero non os únicos. Se por iso fóra, outros concellos poderían adiantalo no ránking que ostenta na área metropolitana de Vigo, o de ser o municipio coa poboación máis nova. A idade media dos seus habitantes rolda os 40 anos, nada que ver con outros concellos da área que chegan ata os 57, segundo un estudo do Observatorio de Sustentabilidade.

Inicialmente o maior atractivo de Salceda para atraer veciñanza foi a relación calidade-prezo da vivenda. Esta circunstancia e a existencia de postos de traballo na contorna deu un empuxón ao censo iniciado hai 14 anos que xa non tivo marcha atrás. Ao Concello non quedou outra que pórse as pilas para non defraudar e crear servizos que convertesen as estancias temporais en definitivas.

Poucos municipios co seu tamaño contan con asistencia gratuíta de atención temperá ou gabinete de pedagoxía e logopedia, ao que se sumou un novo centro de saúde, unidade pediátrica, centro terapéutico, rede de sendas e recuperación de espazos con humanizacións, segundo relata a alcaldesa Loli Castiñeira.

A única espiña cravada é a implantación de Bacharelato para evitar que os estudantes teñan que desprazarse a Tui, O Porriño ou Salvaterra. «Cónstame que se está en iso», indica Castiñeira. Outra consecuencia da mocidade deste municipio é a lista de espera para acceder á única escola infantil da Galiña Azul.

«Hai bos servizos, pero aínda queda moito por facer, hai un gran dinamismo social e imos dando respostas», comenta a alcaldesa, orgullosa de que mentres en moitos concellos do interior a poboación caeu á metade, en Salceda aumentou en máis de tres mil persoas nos últimos 25 anos e xa superan os nove mil. 

O segundo posto en poboación nova ocúpao o municipio veciño do Porriño, neste caso atraída polos postos de traballo que ofrecen as empresas situadas nos polígonos industriais da Granxa e As Gándaras. Séguenlle Soutomaior, Ponteareas e Gondomar.

 Polo oposto

No polo oposto aos anteriores atópanse os concellos da comarca da Paradanta, nos que se produciu unha auténtica sangría de veciños desde o inicio deste século. É o caso de Crecente , que pasou de superar os 4.000 habitantes a quedar en case 2.000. A media de idade rolda os 57 anos, un máis que no Covelo, onde igualmente a poboación caeu en picado.

O mesmo sucede en Arbo . O bum da construción a principios dos 2000 serviu para moi pouco e o padrón quedou case coa metade dos veciños cunha media de idade que supera os 53 anos. Un pouco mellor está A Cañiza (cabeceira da comarca), tanto no que se refire a descenso de poboación como á media de idade (50 anos), aínda que tampouco é como para tirar foguetes.

A falta de expectativas laborais e a distancia da gran cidade están detrás dos malos datos destes concellos.

Nada que ver con outras comarcas como O Baixo Miño, O Val Miñor e O Morrazo, onde os datos son moi similares tanto na media de idade dos seus habitantes, que rolda os 45, como na estabilidade do padrón.

No que se refire ao nivel de ingresos das familias, Oia e As Neves están á cabeza con 2.500 e 2.300 euros ao mes por familia. O dato sorprende sobre todo neste último Concello, onde aínda hai fogares deprimidos e con escasos recursos.

Por amais llos 2.000 euros mensuais de media por familia figuran 19 concellos, entre os que se atopan A Guarda, Fornelos, Moaña, Cangas, Baiona e Mondariz Balneario, mentres que ás portas quedan O Covelo, Tomiño, Mos e Redondela.

Non sempre coinciden os municipios con máis posibilidades laborais cos maiores ingresos familiares.