A Penzol repasa a vida de Xela Arias

VIGO

Lois A. C.

A exposición permancerá na Casa Galega da Cultura ata o vindeiro 31 de maio

14 abr 2021 . Actualizado ás 13:16 h.

Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado este ano á poeta Xela Arias, a Fundación Penzol organiza unha mostra de libros e documentos sobre a homenaxeada, que se expoñen en catro mesas vitrinas na entrada da Casa Galega da Cultura de Vigo, na Praza da Princesa. Os fondos proceden da Biblioteca Arquivo Fernández del Riego-Concello de Vigo e da propia Fundación Penzol.

Os contidos están agrupados en catro apartados. No primeiro, titulado Primeiras manifestacións escritas da súa infancia, se atopan, entre outros obxectos, redaccións escolares e o seu primeiro texto publicado. Baixo o título Xela Arias, poeta se inclúe a súa obra de creación publicada. En Xela Arias, editora e tradutora hyai unha selección dos libros por ela traducidos e editados. E finalmente, No ronsel de Xela Arias se amosan diversos materiais posteriores ao seu falecemento, noticias e necrolóxicas do seu óbito, así como a homenaxe póstuma, e varias fotografías ilustradoras da mostra.

Pódese visitar desde o 15 de abril ata o 31 de maio de 2021, en horario de 9.00 a 14.00 horas de luns a venres, coincidindo coa apertura dos servizos de arquivo e biblioteca da Casa Galega da Cultura, na Praza da Princesa de Vigo. Tamén se atenden visitas guiadas mediante cita previa.