Rebeca Díaz dirixirá a Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo

La Voz VIGO

VIGO

A profesora, que obtivo 81 votos favorables dos 136 emitidos, é a segunda muller que acada o cargo

04 mares 2021 . Actualizado ás 11:21 h.

Por segunda vez na súa historia, a Escola de Enxeñería de Telecomunicación volve ter unha directora á súa fronte. A profesora Rebeca P. Díaz Redondo acadou o apoio maioritario da xunta do centro nas eleccións celebradas na Escola de Enxeñería de Telecomunicación. A xunta da Escola, na que cada persoa candidata tivo 15 minutos para expor as súas ideas, celebrouse vía telemática, e as votacións realizáronse no corredor principal do centro para garantir as distancias sociais. Emitíronse 136 votos, dos que 81 foron para a candidatura encabezada por Rebeca P. Díaz e 54 para a de José Carlos López Ardao.

Xunto a Díaz Redondo, o novo equipo directivo do centro está formado polos docentes e investigadores Pedro Comesaña, como subdirector de Organización Académica; María Verónica Santalla, de Internacionalización e Infraestruturas; María Loreto Rodríguez, de Calidade; Laura Docío, de captación e difusión, e Pedro Salvador Rodríguez, secretaría e novas titulacións. «Creo que as persoas do meu equipo, todas elas doutoras, poden ser definidas coma unha combinación óptima de experiencia e iniciativa», afirma a directora electa da Escola de Enxeñería de Telecomunicación, segunda muller que chega a este cargo, tras Edita de Lorenzo, que o fixo no ano 2009.

Profesora titular desde o ano 2004, Rebeca P. Díaz Redondo defendeu desde o inicio da campaña electoral o bo traballo desenvolvido polas direccións anteriores e, en concreto, pola agora saínte. «Pola miña banda procurarei reforzar os numerosos puntos fortes da escola e traballar aqueles aspectos que se poden e deben mellorar, tendo en conta os desafíos aos que nos enfrontaremos nos próximos anos», sinalou.

A curto prazo, o obxectivo deste novo equipo será sistematizar os procesos de difusión e visibilización da actividade da escola e mellorar os procedementos de acompañamento do alumnado do centro; mentres que a medio prazo, teñen claro que é prioritario conseguir diversificar a oferta formativa do centro con acordos internacionais e programas conxuntos de estudos, así como ampliar a oferta de cursos propios para profesionais do sector TIC e que a EET poida ter un papel relevante na formación de profesionais en sectores estratéxicos como os identificados no documento G2030 da Xunta de Galicia.

A vitoria nas urnas de Rebeca P. Díaz, pon fin a unha etapa de seis anos na que a escola estivo dirixida polo profesor Íñigo Cuiñas, a quen acompañaron na dirección os docentes Manuel Fernández Veiga, Miguel Ángel Domínguez Gómez, Loreto Rodríguez Pardo, Enrique Costa Montenegro e Francisco Díaz Otero, a quen Cuiñas dedica palabras de agradecemento.