A baza francesa moldeada en Vigo

X. R. C. VIGO

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Alice Finot, que retomou a senda atlética cando chegou ao Porriño para exercer de enxeñeira no CTAG, debuta no Europeo con opcións nos 3.000 metros

03 mares 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Se Francia consegue unha medalla nos 3.000 metros no Campionato de Europa de pista cuberta que mañá comeza en Torun (Polonia), debería pagar un canon a Vigo por recuperar para o atletismo a Alice Marie Genevieve Finot (Montbeliard, 1991), campioa de Francia.

Alice chegou a Vigo por cuestións laborais no 2016. Un ano antes retomara o seu idilio co atletismo despois de telo moito tempo aparcado por motivos de estudos e de traballo. Pero en Vigo, cando se incorporou como enxeñeira de ensaios e validacións ao Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), todo cambiou e dentro da súa apertada axenda atopou un oco para facer deporte co auxilio de Manu Ageitos como adestrador e co Celta como o seu novo club de cabeceira.

O regreso ao atletismo foi progresivo, combinando a pista coas probas populares, ata que no 2018 gañou a súa primeira medalla a nivel nacional e deuse de conta de que debería ir un paso máis adiante. «Aí démonos conta de que había marxe e comezamos a dar un salto nos entrenos e nas cargas», lembra. Pero tamén comprobou que sen descanso e recuperación non hai evolución. Era abril de 2019 e decidiu darlle un cambio á súa vida que agora lle impulsa cara á súa primeira cita internacional son a súa selección con 30 anos recentemente cumpridos. «Non recuperaba e chegaban as lesións. Non lle daba prioridade ao descanso, por iso falei co meu xefe e buscamos un acordo para reducir a xornada a cinco horas diarias e aí atopei o equilibrio entre o laboral e o deportivo». Ese cambio permitiulle asimilar as cargas e comezar a render de verdade no mundo do atletismo.

O primeiro rédito da aposta foi a súa clasificación para o Europeo de media maratón do ano pasado, pero estaba calendado para marzo e a pandemia levoullo por diante. Máis tarde foi recolocado en outubro, pero para entón a francesa de Vigo xa tiña outros plans na súa cabeza e renunciou para poder facer unha concentración en altura.

Para entón xa estaba decidida a seguir progresando e viu no Europeo indoor unha ponte cara a Tokio e os 3.000 obstáculos, a súa proba preferida. Iso, máis o teletrabajo e os problemas de pistas en Vigo, empurráronlle a irse a vivir cos seus pais a Francia, seguir traballando desde casa e facer todo o calendario de inverno galo, sempre baixo a dirección de Ageitos —«que me achega moito a nivel de adestramentos, somos dunha idade parecida e entendémonos ben á hora de planificar»—.

O resultado foi a mínima con 8,53 minutos, unha marca que lle acredita como sétima do ránking no Europeo, competición na que non se conforma con participar. «A primeira meta é chega á final e logo dalo todo. Levo unha tempada espectacular e todo o que me propuxen conseguino. Vou con moita forza, aínda que logo pode pasar de todo».

Pase o que pase en Polonia, á conclusión regresará a Vigo, cidade da que se ausentou cinco semanas, para preparar o 3.000 obstáculos e asinar a mínima para Tokio. «Pídenme 9,30 e a verdade véxoo ben. Se nos 3.000 lisos vales 8,53 minutos, nos obstáculos vales 25 ou 30 segundos máis», comenta antes de asegurar que se ve con opcións de atacar a marca de Francia (9,25 minutos). Coa axuda dos aires do Atlántico. «En Vigo estou moi contenta, alí teño todo o que necesito», sentenza.