A sobreira da Peneda xa é unha árbore singular

Antón lois AMIGOS DÁ TERRA VIGO\TERRA.ORG

VIGO

É un exemplar de catro séculos de vida que acada os quince metros de altura

02 mares 2021 . Actualizado ás 01:03 h.

Non todo van ser arboricidios, ás veces hai boas noticias. Hai uns anos, no verán de 2018, presentabámoslles nestas páxinas unha serie de rutas para coñecer o noso patrimonio natural, especialmente aqueles lugares menos coñecidos e, en cada unha destas rutas, sinalabamos algún elemento que, por si só, ben xustificaría a visita. Unha destas rutas invitaba a visitar o monte da Peneda, no límite dos concellos de Redondela e Soutomaior, e concretamente destacabamos como elemento singular a impoñente sobreira (alcornoque, quercus suber) que coroaba o monte.

Diciamos concretamente «a gran sobreira que preside o miradoiro merece figurar no catálogo de árbores singulares de Galicia A que agardan?». Ás veces suceden estas cousas e hoxe queremos contarlles unha noticia de hai unhas semanas que se nos quedou no tinteiro: esa sobreira xa é oficialmente unha árbore singular de Galicia, pois acaba de ser a última incorporación á listaxe de árbores senlleiras.

Ante todo, que conste o agradecemento e a felicitación aos promotores desa solicitude, os comuneiros e comuneiras de montes do Viso que, tras anos de perseveranza, conseguiron esta inclusión e o que iso implica a efectos de conservación. A nosa vella amiga, que con só catro séculos de vida é apenas unha noviña, ten unha altura de quince metros e o seu tronco acada os dous metros de perímetro. Con semellante envergadura, destaca sobre a paisaxe na cima do monte xunto á ermida das Neves.

Convén sinalar que os criterios para considerar unha árbore como senlleira son moi esixentes e non inclúen soamente criterios botánicos, como a súa singularidade e a súa idade, senón tamén o seu valor histórico e cultural, o que explica que non cheguen aos dous centenares o total de exemplares catalogados en toda Galicia dos que unha boa parte dos que corresponden á provincia de Pontevedra, que curiosamente os poderiamos ver cuns bos prismáticos desde o monte da Peneda.

Pero nosa destacada amiga non está soa. Resistindo a duras penas fronte ás repoboacións de eucaliptos e acacias podemos atopar na ladeira orientada, ao oeste do monte da Peneda, un pequeno bosque de sobreiras, con toda probabilidade descendentes da súa prima a maior. É un bosque relicto, dos poucos exemplos vivos que quedan en recordo de cando as sobreiras eran abundantes na nosa contorna, como testemuñan moitos topónimos e nomes de lugares que aínda conservamos.

A desagrarización do rural, o uso de materiais alternativos á cortiza para colmeas e viños, e a ocupación forestal por especies de crecemento rápido foron extinguindo esta silvicultura sustentable e toda a súa etnografía e cultura asociada e, no caso concreto da Peneda, non podía faltar o factor lume.

Se visitamos hoxe ese bosquete de sobreiras observaremos as súas cortizas ennegrecidas. Aproximadamente unha vez por década (ou ás veces cada menos tempo) o monte arde e é precisamente a protección da cortiza a que permitiu a nosas sobreiras sobrevivir a tanto incendio recorrente, e nunca accidental.

Fronte a isto tamén resulta destacable sinalar que foi precisamente A Peneda o lugar no que tras a onda de incendios de 2006 levou a cabo por parte de decenas de voluntarias unha das primeiras experiencias colectivas de rexeneración de chans queimados tras o penúltimo incendio que arrasou as súas ladeiras. Isto lévanos a lembrar outra cousa que comentabamos fai uns anos: «Soamente por este bosquete de sobreiras, que tenazmente resistiron polo menos un incendio por década nos últimos anos, o lugar merecería contar cunha figura de protección e ser declarado, como mínimo, ENIL (espazo natural de interese local) por parte do Concello de Redondela».

Unha vez conseguida a catalogación da sobreira da Penada como unha árbore senlleira de Galicia… animaríase Redondela a solicitar declarar o monte que lle serve de contexto como espazo natural protexido polo menos a nivel local?