A área de Vigo comeza a desescalada con menos dun milleiro de enfermos, a primeira vez en catro meses

VIGO

M.MORALEJO

Quedan quince persoas ingresadas nas ucis

27 feb 2021 . Actualizado ás 01:24 h.

Por primeira vez en catro meses, a área sanitaria de Vigo baixou do milleiro de enfermos de covid-19. O 21 de outubro había 995 enfermos na fase activa da súa convalecencia. Onte, segundo os datos que difundiu este venres pola mañá o Servizo Galego de Saúde, había 994. Aínda é un número elevado, que está moi lonxe da desescalada dos meses de maio e, sobre todo, xuño. Pero é un indicativo de que a situación epidemiolóxica segue mellorando, xusto no día en que comeza a desescalada en Galicia.

Hai máis indicadores. Os contagios están a sufrir vaivéns, pero en xeral baixaron. Están nunha media de medio centenar cada día, aínda que onte se reportaron 71 casos novos. A inciencia a sete días é de 63 casos novos por cada cen mil habitantes, e a 14 días é de 148. En ambos os casos, Vigo mellora a media galega, porque as áreas da Coruña (a única área con máis de 2.000 enfermos), Ferrol e Pontevedra seguen cunha situación un pouco máis comprometida.

Tamén mellorou a situación nos hospitais. Un total de 68 persoas que portan o coronavirus ocupan unha cama nun centro sanitario. Son 37 en planta de o Cunqueiro e 15 en Povisa. O hospital Vithas Vigo (Nosa Señora de Fátima) deu a alta aos tres últimos pacientes, de entre 68 e 82 anos. Nas ucis hai aínda 15: 12 no Cunqueiro, 3 en Povisa e 1 en Fátima.

Fai tres semanas había o triplo de persoas ingresadas por covid-19 en Vigo. Nas unidades de coidados críticos as rebaixas son máis lentas, e nese mesmo tempo o número de hospitalizados baixou a un pouco menos da metade.

Os municipios comezan hoxe a desescalada. A hostalería pode abrir en toda a área de Vigo ata as 18.00 con capacidades do 50 % nas terrazas e do 30 % en interiores, aínda que en Redondela, Moaña e Oia só poden facelo no interior. Con todo, Redondela xa cumpre desde onte o requisito para que se permita abrir no interior, que é ter unha incidencia a catorce días de menos de 250 casos. Neste momento está en 209. Ata que a normativa se actualice, seguirá no segundo nivel. Os cidadáns só se poden mover entre municipios que estean no mesmo nivel que o seu.