O primeiro albergue de peregrinos de Vigo só está pendente de completar o mobiliario

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

ANA VARELA

Feijoo e Rueda visitaron as instalacións do Berbés, que terán 93 prazas

06 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, visitou onte o novo albergue de peregrinos que se está ultimando no Casco Vello e que será o primeiro da cidade de Vigo. Aínda que as obras estruturais xa están finalizadas, a apertura do edificio na praza do Berbés está agora pendente da chegada do mobiliario. Debido ás circunstancias derivadas da crise sanitaria do covid-19, a Xunta non ten aínda unha data fixa para a entrada en funcionamento da dotación, que se estreará en pleno ano Xacobeo.

O titular do Goberno galego, que estivo acompañado do vicepresidente Alfonso Rueda e a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias, destacou na súa visita que o novo albergue público do Camiño Portugués contribuirá a seguir mellorando a cidade e a experiencia xacobea. Núñez Feijoo incidiu no papel das rutas xacobeas para transformar as localidades galegas, e destacou que, cun investimento de 1,6 millóns de euros, este proxecto concreto na cidade olívica conseguiu recuperar e unir dúas edificacións anexas entre a Ribeira e a praza do Peñasco.

«Estamos a falar dun novo edificio que, no seu conxunto, contará cun total de seis plantas e cunhas instalacións totalmente accesibles para aloxar a 93 persoas», dixo, lembrando que este albergue forma parte dos traballos que se están acometendo para preparar o ano santo.

Xacobeo

«Non deixamos de traballar e seguimos preparándonos para aproveitar a oportunidade que supón un Xacobeo que se estenderá ata o 2022», abundou Feijoo, referíndose tamén á posta en marcha do proceso de certificación deste tipo de aloxamentos coa Q de calidade.

Nesta liña, e dentro do plan director do Camiño de Santiago, explicou o presidente que a Xunta que se destinaron ata agora máis de 33 millóns de euros ao capítulo de albergues para, entre outras cousas, construír nove e levar a cabo melloras noutros dezaoito. Ademais de confirmar a construción de catro novos en Ferrol, Piñor, Sobrado dos Monxes e no Concello da Coruña.

Tamén anunciou que ao longo deste ano realizaranse novas actuacións para mellorar os carreiros e as estradas. Feijoo concluíu a súa visita ao barrio histórico subliñando que este albergue forma parte da aposta do Executivo galego pola rehabilitación. Neste sentido, lembrou que a Xunta xa facilitou a rehabilitación no Casco Vello de Vigo de máis de 110 vivendas e 33 locais. O instrumento para iso foi o Consorcio Casco Vello (participado nun 90 % pola Administración galega e nun 10 % polo Concello). A falta de acordo co Concello, precisamente, segue impedindo a sinalización do Camiño Portugués ao seu paso pola cidade.