A arte do dobrete no desconto

M. V. F. VIGO

VIGO

Óscar Vázquez

Adrián salvou un punto para o Rápido no tempo engadido

27 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non é doado que un futbolista marque un hat trick e o protagonista do partido acabe sendo outro. Pero así foi, ou polo menos llo puxo difícil, con Adrián Rodríguez, o futbolista do Rápido que marcou dous goles no desconto para empatar un duelo que o seu equipo perdía 1-3 cando se acadou o 90. En fronte estaba o Estradense, cuxos tres tantos foron obra de Brais Calvo.

O resultado final é a mellor proba de que o equipo de Bouzas non se rendeu a pesar de verse 1-3. E confírmao o protagonista da remontada -cuxos dous goles se sumaron ao de Carlitos Pereira que facía o 1-1-. «Cando nos marcan o terceiro, foi un golpe duro, velo lonxe. Estabamos en casa, onde levabamos unha boa serie... Pero non lle perdemos a cara ao partido», sinala o dianteiro vigués, de 24 anos. O feito de que o Estradense quedase cun home menos lles deu ás e o 2-3, «confianza para ir polo empate». «Cando o intentas ata o final, ás veces pasan estas cousas», di.

Os seus goles chegaron, calcula, no 91 e o 93 dun duelo que acadou o 95. O primeiro gol de Adrián nace dunha boa xogada por banda esquerda cun balón que pon Óscar Fondevila e que recibe Rubén Martínez preto da liña de fondo. «Chega forzado, saca o centro cara atrás un pouco elevado, queda preto da zona do punto de penalti e non o penso», lembra. Enganchouna coa esquerda a pesar de que normalmente é só a súa perna de apoio. «Animeime e saíu ben», conta.

A partir de aí, saque de centro, un par de balóns á área e, no último saque de esquina, o 3-3 de novo con Rodríguez como autor. «Eles estaban cun menos, había moito barullo e intentei separarme o máis posible da miña marca. Fondevila púxoo perfecto, caeume cerquita da liña de gol e só tiven que empurrar», detalla.

E aínda lle quedou a espiña de que tivo unha última opción para o 4-3 que non puido materializar. «No 95, xa na última acción do partido, remato de cabeza noutro córner e váilleme arriba. Se entra, xa fose redondo», indica. Ao rematar, asegura que a sensación no vestiario, a pesar de que lle choveron as felicitacións, era agridoce por ter tido tan preto os tres puntos. «Estabamos contentos, pero rematamos cunha sensación estraña, porque se dura cinco minutos máis, podiámonolo/podiámosnolo ter levado. Iso é bo, quere dicir que o equipo ten ambición e non se conforma».

«Custoume arrincar»

No persoal, os goles danlle confianza «como a todo dianteiro» despois dunha primeira volta coa que non estaba do todo satisfeito. «Non foi todo o ben que queriamos nin a nivel individual nin colectivo. Persoalmente, custoume arrincar e segundo pasan as xornadas, atópome mellor, o mesmo que o equipo».

Optimista de cara ao que resta de tempada, cre que o mal inicio se explica por varios factores que non quere que soen a escusa. «Viñamos, como todos, dun tempo parados, pero ademais, con Cópaa Federación, tivemos poucos amigables. Xuntouse con que eramos moitos novos, tamén o adestrador, o cambio de presidencia... Xuntouse todo», resume.

Na súa elección polo Rápido no verán tamén houbo varios factores: xa estivera cedido polo Celta , reencontrábase con David de Deus e coa pandemia prefería seguir preto de casa. «Pareceume a decisión correcta e sígoo pensando. Temos moi bo grupo e estou seguro de que as cousas van ir ben».