A asociación Down Vigo mostra as habilidades dos seus usuarios co «patchwork»

La Voz

VIGO

cedida

A sede da Deputación acolle a exposición «A viaxe da miña vida» ata o 29 de xaneiro

25 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A sede viguesa da Deputación (Eduardo Chao, 17) acolle ata o venres 29 de xaneiro a exposición A viaxe da miña vida, no que presentas usuarias da asociación Down Vigo mostran a súa sensibilidade artística, cun colorista conxunto de tapices elaborados coa técnica do patchwork e inspirados en vivencias persoais.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou durante a apertura, na que estivo acompañada polo presidente de Down Vigo, José Manuel García Orois, e o director da entidade, Antonio Fortes, o «gran traballo e compromiso dá asociación, que facilita que as persoas con síndrome de Down teñan as oportunidades que todas e todos debemos ter». A máxima responsable da institución destacou que a exposición é unha mostra da calidade artística das persoas que elaboraron os tapices, ás que nomeou unha a unha. «Son Arancha, Antonio, Lola, Lucía, Luci, Manuela, Marcelo e Noa», citou. Todos eles forman parte do grupo de habilidades adaptativas da asociación, centrado no envellecemento activo. Carmela Silva anunciou que axiña que a situación sanitaria mellore a mostra retornará á sede da Deputación cun gran acto no que as persoas que elaboraron os tapices teñan o protagonismo que lles corresponde . A presidenta animou á veciñanza de Vigo a visitar estes días a exposición en grupos reducidos. «Quedarán sorprendidos e sorprendidas. Son tapices moi fermosos e hai moito traballo en cada un deles», subliñou.

O presidente de Down Vigo, José Manuel García Orois, explicou que a exposición «é unha forma de promover a autonomía das persoas con síndrome de Down e diversidade intelectual». A colección de tapices, engadiu, «mostra que teñen moitas capacidades, de traballo, artística, e de expresión dos seus sentimentos e emocións». O presidente da asociación agradeceu á presidenta a colaboración para que a sede da Deputación acollese esta iniciativa.

Vivencias persoais

Os tapices foron realizados durante todo o curso pasado dentro do grupo de habilidades adaptativas e cada un deles está acompañado dun cartel no que os autores se presentan e contan a vivencia que inspirou a súa obra. A peza de Arancha representa a superación; a de Antonio, o renacer; o tapiz de Lola, o duelo; o de Lucía, a unión; a obra de Luci, un conto de fadas; a de Manuela, os desexos; Marcel inspírase na emigración, e Noa no fogar.

A través das súas obras realizan unha viaxe emocional no que mostran a súa creatividade, vivencias e recordos. Deste xeito, cada tapiz reconstrúe a súa vida de forma figurada mediante a creación artística. As pezas xorden dunha vivencia concreta que se plasma na combinación de cores, teas e disposición. A exposición mostra á cidadanía as realidades, sensibilidades e habilidades das persoas con síndrome de Down. Ademais, compleméntase cun vídeo sobre o proceso creativo.

Down Vigo, creada no 1989, fai un importante labor de apoio ás persoas con síndrome de Down e as súas familias. Actualmente, conta con 200 persoas usuarias e presta servizo a todo o sur da provincia co obxectivo de acadar a plena integración e a calidade de vida das persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual. A asociación, declarada Viguesa Distinguida, ofrece atención desde as fases máis temperás da vida das persoas con síndrome de Down, promociona a súa autonomía persoal, dálles formación para a mellora da súa inserción laboral e organiza actividades de tempo libre, entre outras accións do seu amplo programa de apoio, orientación e aprendizaxe.