Unha velocista «fóra de categoría»

x.r.c. VIGO

VIGO

CEDIDA

Ainhoa Reparaz, alta, cuns nocellos e uns tendóns portentosos, bateu a marca galega xuvenil de 60 metros na súa primeira carreira na categoría

20 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Óscar Fernández, adestrador, historiador e enciclopedia andante do atletismo, non é home de regalar os oídos a ninguén. Por iso chama a atención a contundencia coa que cataloga a Ainhoa Reparaz (Vigo, 2005) como unha velocista «fóra de categoría», a atleta con máis proxección da súa xeración en Galicia. E os datos confirman as sensacións do seu técnico no Val Miñor: na súa primeira carreira como xuvenil, pulverizó a marca autonómica dos 60 metros lisos ao marcar un crono de 7.78 segundos. E iso que só leva dous anos practicando atletismo.

Ainhoa, que antes pasou por disciplinas como a patinaxe, baloncesto, natación e o bádminton, chegou ás mans de Óscar Fernández directamente desde o colexio. Por recomendación dun profesor ao que o técnico vigués estará «eternamente agradecido» e en dúas tempadas escasas xa foi capaz de bater unha marca, ten o de 200 metros a tiro (marcou 25.49 segundos, a 11 centésimas do rexistro en vigor) e firma 12.44 segundos nos 100 metros. «Desde o primeiro día, o meu adestrador díxome que parecía rápida e xa me meteu en velocidade», lembra a viguesa, agora residente en Baiona, sobre os seus inicios.

Que ten de especial Ainhoa para apuntar tan alto? O primeiro, a súa estatura. «Ten 15 anos, pero a súa idade biolóxica e moito mais grande, mide 1,75», comenta o adestrador. O segundo, os seus pés e os seus nocellos. «En velocidade o fundamental é ter nocello, un bo pé, ter impulso, e todos van de punta, co metatarso», di co seu habitual espírito didáctico antes de referirse ao caso concreto do seu atleta: «Esta rapaza anda de metatarso, cando vai pola rúa vai de punta, que é o que fan as bailarinas. É un caso entre un millón, non coñezo a ninguén que ande de punta, só ela», algo que a protagonista confesa que traía de serie. «Ando así desde pequena e non me custa porque estou acostumada».

O seu nocello portentoso xa require máis traballo. «Fago exercicios específicos cos pés», comenta mentres o seu técnico non repite que «ten un nocello espectacular e un tendón que na miña vida vin cousas igual». O ideal para unha disciplina onde os grandes atletas apenas posan o talón unhas milésimas no chan. O terceiro vén de serie: traballo, humildade e compromiso, tres aspectos que en gran medida o seu adestrador achaca aos seus pais.

Factores que lle permitiron conseguir algo ao alcance de poucas nunha marxe tan curta de tempo: «Unha bestialidade de marcas en só dous anos. Non é porque adestre comigo, pero de todo o que pasou polas miñas mans, é fora de categoría. Ninguén en dous anos fixo o que estea rapaza, é moi complicado. Creo que a rapaza o ten todo, o único que non temos aquí son condicións para adestrar, é o único que me desespera», comenta Óscar.

Porque a día de hoxe, para facer saídas, algo primordial na velocidade, teñen que recorrer a unha beirarrúa ante a falta de pistas e improvisar uns tacos. «Temos uns tacos que non se cravan. Pómolos, o meu adestrador agarra a parte de atrás para suxeitalos, e eu saio», comenta dun modo ilustrativo a atleta. «A saída é moi importante, os apoios na saída son moi de punta pero sen tacos e sen nada é moi difícil», laméntase Óscar Fernández.

O outro gran hándicap é a falta dunha instalación que mitigue o frío, o peor inimigo dos velocistas. Por iso recorren case todas as fins de semana, ás veces mesmo máis do desexado, á pista cuberta de Expourense, onde teñen 15 graos máis que na rúa. «Pásase moito frío», admite Ainhoa, que comenta que o atletismo lle desestresa do colexio -está a estudar cuarto de ESO no Apóstolo-, e da vida en xeral. E aínda que só leve dous anos na disciplina, a deportista xa ten claro que dará os pasos que sexan necesarios mentres a progresión lle acompañe.