600 persoas examínanse para oito prazas de auxiliar administrativo na Deputación

La Voz VIGO

VIGO

Pablo Hernandez Gamarra

O ente provincial tivo que alugar dous pavillóns do Ifevi para cumprir coas normas sanitarias actuais

19 ene 2021 . Actualizado ás 21:16 h.

A Deputación de Pontevedra viuse obrigada a alugar dous pavillóns do Ifevi para poder acoller, coas debidas medidas de seguridade sanitaria, o primeiro exame para cubrir oito prazas de auxiliar administrativo do ente provincial. Para poder realizar este exame, o organismo público tivo que elaborar un detallado protocolo para obter a autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública de Consellería de Sanidadea . Foi polo tanto un operativo sen precedentes, que precisou o uso dos pavillóns 4 e 5 do recinto feiral vigués. Ata agora, a institución provincial xamais se viu na necesidade de dobrar o espazo para acoller uns exames.

O operativo incluíu tamén o acceso por cinco portas diferentes, todas elas con persoal de control para evitar colas e aglomeracións, así como a sinalización no chan das vías de circulación. Finalmente, regulouse un procedemento de información polo miúdo sobre as normas de seguridade de obrigado cumprimento antes da entrada e do comezo das probas de cada unha das quendas.

Os exames comezaron ás 8.30 horas e celebráronse durante boa parte da mañá deste martes, ante a necesidade de repartir a preséntalas aspirantes en cinco quendas diferentes, cun máximo de 120 por cada unha delas. Quedaron sentadas en mesas de 2,20 metros de longo, con dúas persoas por mesa, situadas ao lado de cada extremo e na mesma orientación. Á vez, garantiuse unha separación ampla entre todas as mesas, así como a súa completa desinfección con produtos especializados entre cada un das quendas. O protocolo incluíu tamén un rexistro completo de todos os asistentes, e o número de asento ocupado, que será conservado durante un mes por se hai que rastrexar contactos dalgún positivo por coronavirus.

O proceso selectivo, que inclúe dúas probas máis, está destinado a cubrir oito prazas de auxiliar-administrativo na Deputación polo sistema de concurso-oposición ao estar encadrado dentro do Plan de Estabilización aprobado no ano 2018 para a consolidación de emprego e a redución da temporalidade na institución. O Plan de Estabilización implica, entre outras cousas, a celebración de 118 procesos selectivos para cubrir 257 prazas correspondentes ás ofertas públicas de emprego de 2017, 2018 e 2019.

Por motivos de seguridade ante a pandemia, as probas con ata 10 aspirantes están a celebrarse no salón de actos do edificio Administrativo; as máis numerosas no salón de actos do Museo Provincial; e, cando é preciso, no edificio da Escola de Cantería. Cando o número de persoas aspirantes supera as 60 utilízase o Instituto Feiral de Vigo. No marco das medidas aprobadas na Deputación para combater os efectos da pandemia, as persoas diagnosticadas con covid-19, as que estean en illamento ou corentena ou as que teñan síntomas compatibles, teñen o dereito, en función do principio de igualdade no acceso ao emprego público, a solicitar unha segunda convocatoria.