Manuel Vilariño e Celeste Garrido quedan no Marco ata o mes de abril

VIGO

M.MORALEJO

O museo vigués mostra as exposicións «Seda de cabalo» e «Infancias rotas»

16 ene 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A dirección do Museo de Arte Contemporánea de Vigo capeará o temporal provocado pola pandemia de covid-19 coa prolongación das exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido. Ambos os proxectos, que estaba previsto que concluísen a comezos de xaneiro, manteranse en Vigo ata o próximo 4 de abril.

Seda de cabalo é a maior exposición realizada ata o momento de Manuel Vilariño, fotógrafo e poeta, Premio Nacional de Fotografía 2007. É unha mostra comisariada por Fernando Castro Flórez, que revisa a súa traxectoria a través dunha selección de obras -fotografas, instalacións, vídeos e unha parte da súa produción poética- desde 1980 ata a actualidade. Máis que unha retrospectiva ao uso, está concibida como reflexo dos aspectos máis sobresalientes da súa traxectoria e da súa estética, sempre marcada por un fondo poético e pola demanda dunha actitude contemplativa.

Pola súa banda, Celeste Garrido (Marín, Pontevedra, 1972) ten unha ampla traxectoria en proxectos teóricos e expositivos moi relacionados coa identidade e con cuestións de xénero. Esta mostra, específica para o Marco, está deseñada a partir dunha coidada selección de obras en distintos formatos -na súa maioría de nova produción- que constrúen un relato ao redor da temática do corpo como material, como soporte, como suxeito e como receptor, con especial alusión ao corpo feminino e ao vestido como símbolo.

Os proxectos de Celeste Garrido desenvólvense desde unha óptica feminista e un posicionamento crítico. Neste contexto xorden, xunto á serie Nupcial, algunhas das obras que forman parte do seu novo proxecto, denominado Infancias rotas.

O público pode visitar esta mostras de forma individualmente, en grupos de cinco persoas ou mediante o novo sistema de rutas interactivas.