O comercio vigués sobe un 10 % as súas vendas co Black Friday

Luis Carlos Llera Llorente
luís carlos llera VIGO / LA VOZ

VIGO

M.MORALEJO

Algunhas tendas decidiron manter os descontos

02 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O presidente da Federación de Comerciantes de Vigo e da provincia de Pontevedra, Víctor Fernández, asegura que o Black Friday non é comparable ao do ano pasado. «Claro que, se vés de caixas pírricas, vender un pouco máis é unha importante subida. O crecemento foi dun 10 % en termos xerais no pequeno comercio».

Na provincia hai 56.000 tendas, das cales 7.000 atópanse en Vigo. Para os negocios, os peches perimetrais foron un verdadeiro problema. «Están a esnaquizarnos a todos, xa non é unha cuestión da hostalería, senón que xente doutros municipios que viña comprar a Vigo durante dúas fins de semana non o pode facer. Eu teño clientes de Baiona e doutros municipios que non poden achegarse. Tamén botamos en falta máis axudas do Concello de Vigo. Cobráronnos o recibo do lixo que acabamos de recibir», quéixase Fernández.

Alejandro Montero, titular do negocio Rosa Vermellas, unha tenda de roupa do centro comercial A Laxe, decidiu manter os descontos entre o 20 e o 50 % que fixo durante o Black Friday. Algunhas rebaixas son mesmo maiores e pódense atopar auténticas gangas nos andeis.

Se no sector téxtil as vendas incrementaron un 10 %, no tecnolóxico subiron máis, e onte continuaron no Cíber Monday. Na cadea Media Markt cifran a subida no 30 %. Na tenda As, que vende produtos Apple, aseguran que a demanda se triplicou durante toda a semana. «Tivemos moitas colas», asegura Teresa , unha das traballadoras da tenda de electrónica do Centro Comercial A Laxe. «Aforrámonos 500 euros nas compras ao adquirir varias cousas, desde un computador a unha play con xogos, e tamén dous pares de cascos con auriculares para escoitar e producir música», contan os clientes John Mendes e Ana, que saíron cargados con bolsas de gran porte cargadas de novidades tecnolóxicas.

A clave do éxito consiste, a tenor do visto, nuns descontos en electrónica e produtos tecnolóxicos que chegan ata o 30 % .

O xerente de Zona Príncipe, Enrique Núñez, sinala que se viu máis xente, pero que tampouco se produciron demasiadas alegrías.