O xulgado apraza o desafiuzamento dos chabolistas de Navia ata despois de Nadal

e. v. pita VIGO

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O tribunal suspendeu o desaloxo porque a propia empresa dona dos terreos pediuno para non deixar sen fogar aos afectados en datas tan sinaladas

01 dic 2020 . Actualizado ás 21:45 h.

O Xulgado de Primeira Instancia número 13 de Vigo aprazou a execución do desafiuzamento (lanzamento) de 13 chabolistas no poboado de Navia, en cuxos terreos se vai construír un complexo deportivo con ximnasio. O desaloxo de oito familias do asentamento estaba previsto para o 11 de decembro pero o dono dos terreos, a empresa Global Fitness, con sede en Oviedo, escribiu unha carta ao xuíz pedindo que atrasase o desafiuzamento ata que pasasen as festas.

A xuíza, en vista de que a propia parte máis interesada solicitou a suspensión do desaloxo, aprazouno. Se ben aínda non transcendeu a data oficial, todo apunta a que será en xaneiro, despois do día de Reis.

No asentamento hai unha parella con dúas nenas de 4 e 11 anos. Rocío Gabarres, nai das menores, está preocupada porque cre que, pasada o Nadal, despois de Reyes terá que marcharse. «Non se que vai pasar este Nadal. Bótannos despois de Reyes, en xaneiro. Aínda non sabemos nada dun aloxamento, estamos con dúas nenas e ímonos a quedar na rúa. A verdade é que non é unha situación xusta, que nos deixen na rúa con dúas nenas». Quere saber a data concreta para preparar a súa mudanza e «meter as cousas antes de que nos veñan botar».

A pasada semana, Rocío Gabarres chamou á asistenta social para que lle buscase un aloxamento alternativo. «Mandeille mensaxes ao alcalde e non me contestou, necesito axuda», di. Tamén pediu unha solución á Xunta.