Gol como sinónimo de vitoria

x.r.c. VIGO

VIGO

M.MORALEJO

O Coruxo rompe cunha seca de 461 minutos, marca os seus dous primeiros tantos do curso e anótase o primeiro triunfo a costa do Guijuelo

29 novs 2020 . Actualizado ás 16:07 h.

Tiveron que pasar 461 minutos de liga para que o Coruxo marcase o seu primeiro gol, dun modo inverosímil pero efectivo, e que abriu o camiño do primeiro triunfo da tempada, no sexto intento, á conta dun Guijuelo que foi máis perigoso con dez que con once. Andriu, tras un fallo clamoroso do meta Sarkauskas, e Cárcaba, de penalti, foron os autores dos goles do equipo de Míchel Alonso, que asinou un gran primeiro tempo e que cun máis sufriu en moitas pasaxes do segundo.

Nas cinco contendas anteriores, o Coruxo tivera oportunidades de todas as cores para abrir a lata dos goles, pero o primeiro tanto do curso chegou de carambola. Un saque de córner pechado foi mal despexado por Sarkauskas cos puños á cabeza do central Andriu, que estaba de costas na área pequena e no primeiro pau, o balón impactou na súa cabeza e aloxouse no fondo das mallas. O primeiro despois de 7,6 horas de fútbol.

O gol foi un estímulo para un Coruxo que saíra coa novidade de Amigo baixo os paus por unhas molestias de Alberto e con Antón de Vicente trasladado á sala de máquinas. O capitán foi un dos encargados de facer mover a un equipo verde que combinou ben en ataque, que chegaba á área rival e que presionaba a saída do Guijuelo, que tiña en Kamal a unha das súas contadas esperanzas. Co 1-0 Fuentes puido facer o segundo nunha contra que acabou cun remate ao pau. Máis certeiro foi Cárcaba nun penalti sobre Aitor Aspas que transformou no 2-0 cun lanzamento axustado ao que non puido chegar o porteiro internacional sub-21 lituanos a pesar de adiviñarlle o tiro. Nesta derriba a Aspas o conxunto visitante quedou cun menos por expulsión de Parra, o infractor.

Pero con dez viuse ao mellor Guijuelo. Os de Jacobo Montes acurtaron distancias desde os once metros (por unha man de Manu) antes do descanso por mediación de Jonathan e no segundo tempo, co cadro de Míchel Alonso replegado, buscaron as súas opcións vivindo en campo contrario, presionando e chegando aos dominios de Amigo con certa asiduidade. Kamal deu o último pase sen rematador, o balón parado emitiu un par de avisos... circunstancias que confirmaban que o Coruxo non estaba cómodo. Con todo, os cambios e o paso dos minutos devolveron o partido ao seu escenario inicial, cos vigueses gozando de ocasións. As máis claras para Aitor Aspas e para Chevi, aínda que ningunha delas con concreción.

Os dous primeiros goles e o primeiro triunfo soan a liberación para un Coruxo que o vindeiro domingo visita Ferrol.