O último e solidario servizo das antigas pesetas

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Óscar Vázquez

A oenegué Aida Book&More pide a doazón destas moedas para empregalas en proxectos de cooperación

13 novs 2020 . Actualizado ás 23:03 h.

O próximo 31 de decembro concluirá o prazo dado polo Banco de España para trocar as antigas pesetas, tantos billetes como moedas, en euros. O cambio só pode realizarse nalgunhas sedes do Banco de España entre as que non se atopa Vigo. Por ese motivo, a rede de librerías solidarias AIDA Books&More lanzou a campaña Dá unha segunda vida ás túas pesetas, invitando á cidadanía a que doen as súas moedas en calquera das librerías solidarias da rede. O equipo encargarase de realizar o cambio e destinar eses fondos aos seus proxectos de cooperación. O prazo para entregar as pesetas na librería, situada na rúa Ecuador, 45, finaliza o 6 de decembro. No momento de realizar a doazón, a oenegué entregará un libro de literatura clásica. «Temos un bote onde a xente pode depositar os cartos, e como a peseta xa é un clásico, nós lle daremos ao donante a posibilidade de escoller un libro de literatura clásica», explica Belén Árias, responsable da asociación solidaria.

«AIDA Book&More é unha rede de librerías solidarias que xestionamos voluntarios; o noso xeito de funcionar básase na doazón de libros. Eses libros, nós os poñemos a venda e cos cartos que sacamos poñemos en marcha proxectos en África», explica Belén Árias.

«AIDA, aínda que a súa sede central está en madrid, ten delegacións en toda España. Comezamos a traballar hai uns anos, traendo rapaces africanos con cardiopatías para que poidesen ser operados en España; agora, temos proxectos máis diversos que van dende as actuación sociosanitarias á educación de rapazas», engade a responsable da organización non gobernamental.

Actualmente, a asociación, cuxas siglas significan Axuda, Intercambio e Desenvolvemento, ten en marcha proxectos en Guinea Bissau, Marrocos, Senegal, Líbano e Bangladesh.

As librerías desta asociación teñen a misión de recadar diñeiro para os proxectos solidarios. E fano a través das doazóns de libros, que posteriormente son postos á venda. Todas as librerías da oenegué son xestionadas por persoas voluntarias que dedican ao proxecto unhas horas á semana. «Polo situación actual da pandemia, pedímoslle á xente, que queira doar libros, que os traiga empaquetados porque teñen que pasar unha corentena e facilita a labor dos voluntarios», di Belén Árias.

Libros que desgravan

Estas doazóns poden ser anónimas, operación que non require ningún trámite máis que deixar os libros empaquetados, ou non. Neste caso, como os doantes de libros tamén poden beneficiarse de desgravacións fiscais ao ter a doazón un fin solidario, deberán inscribirse nun rexistro, na propia tenda, para que se lles poida expedir un comprobante de doazón. Aos libros recolleitos dáselle un valor de 0,50 euros, non en diñeiro físico senón no comprobante destinado a presentar durante o período da declaración fiscal.