Xulgados os donos dun chalé de Candeán denunciados polos seus okupas por ameazarlles

E. V. Pita VIGO

VIGO

E. V. Pita

A parella cedeu gratis a casa a unha amiga venezolana pero pasado ano e medio negouse a pagar ningún alugueiro nin marcharse

21 oct 2020 . Actualizado ás 12:19 h.

O Xulgado de Instrución número 3 de Vigo celebrou esta mañá un xuízo aos donos dunha casa que foron denunciados pola parella que ocupa o seu chalé en Candeán. O noivo da ocupante ilegal denunciounos por ameazas cando a parella propietaria, que quedou en paro en marzo polo covid, irrompeu na casa a esixirlles un alugueiro de 300 euros e negáronse. 

Segundo os denunciados, hai ano e medio gastaron 22.000 euros en reformar a casa, que acababan de herdar. A dona tiña a unha compañeira de traballo venezolana residente ilegal que traballaba no seu mesmo centro comercial e ofreceulle aloxarse na súa casa pensando en cobrarlle un alugueiro cando mellorase a súa situación. Ao darlle as chaves para entrar a vivir gratis, tecnicamente non se produciu unha ocupación ilegal senón unha residencia en precario sen ter contrato. 

A nova e o seu noivo viviron na casa gratis un ano pero en marzo, os donos quedaron en paro polo covid. Propuxeron á inquilina que pagase 300 euros pero ela negouse porque esixía abonar 200. Ao seguir sen abonar nada, os propietarios entraron en agosto na casa para ordenarlle que se marchasen pero ela negouse. Cando chegou o seu noivo en furgoneta, el asegura que os donos lle ameazaron: «Coidado se che vemos pola rúa, ímosche matar ao can e queimar o coche».

Os donos negaron hoxe no xuízo calquera ameaza: «Todo mentira». Só admitiron chamarlle «lercho» e «desagradecido».

A parella segue residindo en precario sen pagar alugueiro e os donos solicitan documentos da casa herdada para iniciar un procedemento xudicial pola execución por desafiuzamento en precario.