O Museo do Mar mostra parte da obra de Man de Camelle

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

A exposición recolle o universo imaxinario do ermitaño alemán

01 novs 2020 . Actualizado ás 22:18 h.

Ata o 15 de novembro, a sala de exposicións temporais do primeiro edificio do Museo do Mar de Galicia acolle a exposición Museo (do ermitán) Man. Con este proxecto, o visitante poderá achegarse á vida e obra de Manfred Gnädinger (Radolfzell, 1936-Camariñas, 2002), máis coñecido como Man de Camelle. Considerado por moitos como un simple ermitaño extravagante, outros lle outorgan a cualidade de gran artista, que dedicou a súa vida á creación do seu propio museo na localidade de Camariñas. Foi, mentres viviu Man, un museo en constante evolución, formado por esculturas e obxectos artísticos que creaba empregando os elementos naturais e restos que o mar deixaba na contorna do seu xardín.

Agora, no Museo do Mar poderase entrar no universo de Man, coñecer algunhas das pezas que conformaban o seu museo, os seus cadernos e fotografías, obxectos persoais, e mesmo un documental inédito gravado en 1981 en Camelle por Joan Mallarach, que rescata o testemuño do artista sobre o seu propio proxecto.

As persoas que acudan a ver esta exposición terán a oportunidade de entrar nunha réplica a escala da singular morada de Man de Camelle. A exposición foi inaugurada polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a delegada da Xunta, Marta Fernández-Tapias.