«Voume contenta, os bos momentos compensan o malo»

mÍRIAM v. f. VIGO / LA VOZ

VIGO

XOAN CARLOS GIL

Dapena retírase definitivamente un ano despois de volver tras a súa maternidade

29 jun 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Unha tempada despois da súa volta, Andrea Dapena deixa o balonmán, esta vez pechando a porta ao regreso. A ata agora xogadora do Balonmán Porriño retomaba o deporte a pasada tempada tras un parón de tres anos e tendo tido á súa primeira filla. Sen saber por que, contaba entón, a maternidade fixo que revivise nela a espiral do balonmán. Pero agora sente que chegou o momento do adeus definitivo.

-Está segura de que está vez non haberá volta atrás?

-Si, agora é unha retirada definitiva.

-É unha decisión que toma vostede ou parte do club?

-Non, non, tomeina eu. Entre a nena, o traballo (é mestra) e o club, este ano foi difícil e cando estabamos no confinamento empecei a exporme deixalo. Volvera para botar unha man no que necesitasen, pero ao final sempre che comprometes e son demasiadas cousas. Non axudou a situación na que estabamos na clasificación, e entre iso e as demais obrigacións, os adestramentos, as viaxes... Faise pesado.

-Dálle pena non poderse despedir na pista?

-Si, xoguei o meu último partido sen saber que o era, pero non pasa nada, é o de menos. É certo que me gustaría ter rematado e salvarnos loitando os dous partidos que quedaban, pero as cousas son así, Pasou algo que nunca esperas.

-As sensacións son distintas á anterior despedida?

-Si, porque a outra vez non sabía se ía volver, pero deixei a porta aberta. Agora non hai volta atrás. A medida que crece, a nena demanda máis e quero dedicarlles máis tempo a ela e ao meu marido, á familia. Dise que hai tempo para todo, pero a realidade é que custa. Chegaba de traballar e aproveitaba cando ela espertaba para estar xuntas un par de horitas antes de ir adestrar. As fins de semana, se xogabamos fóra, non a vía ata o domingo...

-Nalgún momento arrepentiuse de volver tras a maternidade?

-Non. Hai momentos que dis: «Divos meu, onde me metín, co ben que estaba en casa». Pero non, para nada. No equipo había moi bo rolo e estiven moi ben.

-Que leva de positivo desta última tempada?

-Que recuperei a deportista que era antes. Nunca pensei que ía poder adestrar ao 100 % e ao principio foi moi duro. A nivel de compañeirismo tamén me levo moi bos recordos. Mesmo da experiencia desta loitando por evitar o descenso, que era algo que nunca antes vivira, senón que fora todo o contrario, e son situacións complicadas das que aprendes.

-Cando se parou a competición, temeu despedirse cun descenso se se decidía así?

-Si, era a miña gran incerteza, ou ter que volver xogar nesa situación despois de tanto tempo paradas. Era o que máis me preocupaba, porque había moitos comentarios e fose un descenso moi inxusto, xa que matematicamente non estabamos para nada descendidas. Tamén é certo que estabamos nunha situación que non debiamos. Nese sentido tivemos sorte coa decisión que se tomou, pero creo que era o correcto.

-A pesar diso, o balance deste curso é positivo?

-Moito. Serviume a min mesma como reto para saber que podía. Houbo momentos de estar moi cansa e nos que se facía costa arriba, pero con sacrificio conseguino. Tes que ser moi sacrificada e ter moitas ganas, porque se non, non llo recomendo a ninguén. Eu, ademais, tiña moita axuda e iso fíxomo moito máis doado.

-Cando volveu, tiña a idea de que fóra por unha única tempada?

-Realmente non mo expuña. Era un reto e en principio si que era por un ano. Logo ía pasando o tempo e vía que era complicado.

-Intentaron desde o club convencela para seguir?

-Non, creo que xa tiñan asumido que a miña decisión estaba tomada e que ía ser así. Voume contenta, todo é positivo, os malos momentos que puido haber compénsanse cos bos, que supliron a calquera cousa.

«Oxalá a miña filla goce do balonmán como eu»

Dapena deixa o balonmán agradecida por todo o que lle deu un deporte que lle gustaría que a súa filla practicase no futuro. «Como para min todo foi bo, gustaríame que Lola o gozase tamén», comenta.

-Se bota a vista atrás, que balance fai da súa carreira?

-Moi positivo. Para min o balonmán foino todo. A maioría das cousas que sacrifiquei na miña vida foron por este deporte: cando me fun estudar quedei en Vigo, cando non se que... Deume amigas, fíxome madurar como persoa, aprender a sacrificarme e deume moitas alegrías. Creo que a única situación tensa foi a deste ano co risco de descenso, pero aí tamén aprendes.

-E cales foron os mellores e peores momentos?

-Non podo dicir que tivese ningunha mala experiencia. Sempre estiven en equipos nos que xogamos por estar arriba. Incluso o primeiro ano en Porriño foi espectacular, coa Copa da Reina . O máis difícil, sin duda, foi este ano a nivel psicolóxico. Pero é unha experiencia máis da que aprender.

-E como lembra o momento de cambiar de equipo (do Guardés ao Porriño)?

-Foi un pouco duro por como se produciu e as circunstancias. Viñamos (a súa irmá e ela) ao equipo de rivalidade de toda a vida e estabamos nerviosas, pero a acollida foi espectacular, como non podiamos nin imaxinala. Tanto por parte da directiva de Abel (Estévez) como delas compañeiras. Así que foi duro o proceso de deixalo, chegou a ser desagradable, pero supliuse no momento en que viñemos ao Porriño.

-Expúxose ser adestradora ou seguir ligada dalgún xeito ao balonmán?

-Como adestradora, non, pero ligada vou estar seguro porque o meu marido e a miña irmá seguen no club. E veremos se a pequeniña tamén tira ou non por aí.

-Gustaríalle?

-A min si, pero ao seu pai creo que non (ri). El di que é un deporte moi de contacto e dálle un pouco máis de respecto. Eu si que quero, porque como para min foi tan positivo e nunca tivo nada de malo, gustaríame que xogase e oxalá que lle puidese achegar tantas cousas como a min. E se non é balonmán, gustaríame que practicase algún outro deporte colectivo.