A ría de Vigo cumpre dez anos da operación Avó libre de pesca con dinamita

Monica Torres
mónica torres VIGO / LA VOZ

VIGO

GUSTAVO RIVAS

A Garda Civil, que atallou o esquilme de sardiñas a bombazos, considera hoxe moi residual esta práctica

24 jun 2020 . Actualizado ás 02:03 h.

A práctica de tirar de dinamita para atraer á superficie as huidizas bandadas de sardiñas, tan ilegal como perigosa e destrutiva, non desapareceu totalmente en Galicia. «Aínda se rexistra algún caso moi de cando en vez, pero é moi residual», confirmaron onte a La Voz quen, a día de hoxe, manteñen activa a vixilancia en todos os portos galegos. A Garda Civil traballa para evitar que as imaxes da vergoña que fai dez anos puxeron todos os focos no porto de Vigo coa operación Avó volvan repetirse.

Este ano toca un San Xoán con sardiñas, pero sen fogueiras e sen dinamita. A efeméride obriga a volver sobre a operación da Garda Civil que aquel día conmocionou ao mundo da pesca e á sociedade en xeral ao descubrir unha realidade que moitos intuían ou coñecían pero que poucos se atrevían a denunciar: a pesca ilegal con explosivos. O 22 e o 23 de xuño do 2010, a operación Avó puxo nome e apelidos a un nutrido grupo de persoas que esquilmaban a bombazos o medio de vida de miles de familias de pescadores. Foron trece os detidos, acusados dun delito contra o medio ambiente e dano ecolóxico e doutro por tenencia e uso ilegal de explosivos.

A Fiscalía presentou acusación contra oito deles (sete armadores e o presunto provedor da dinamita). Catro anos despois, un acordo cos acusados evitoulles entrar en prisión. Conseguiron unha importante rebaixa da pena, recoñecendo os feitos que se lles imputaban. Por iso só foron condenados a dous anos e, polo tanto, esquivaron o cárcere ao carecer de antecedentes.

O estigma foi a pena máis difícil de borrar, xa que eran persoas moi coñecidas. A operación Avó foi o detonante para que o sector se blindara. Así foi, posibilitando que a ría de Vigo celebre hoxe unha década sen dinamita. A maioría dos patróns maiores dos principais depósitos da zona non estaban entón no cargo. Iago Soto, patrón da Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo, nin sequera formaba parte entón do colectivo que agora dirixe, pero aquel golpe e as imaxes dunha das xornadas máis mediáticas da década no porto vigués, perviven na memoria colectiva e a mensaxe calou.

«Aquelas foron prácticas ilegais, de xente con ambición e sen respeto algún polo medio e pola profesión», sinala Soto. O mariñeiro e biólogo destaca o impacto daquela operación. «Eu non a vivín porque non estaba aquí, pero penso que serviu de advertencia e concienciación para todos. Hoxe en día ninguén na confraría deixaría de denunciar ou protexería a quen fixera algo así», apunta o patrón maior.

A erradicación da dinamita empezou en serio hai unha década. «Non o vivín no meu mandato, pero esas prácticas aquí non existen», indica a patroa maior de Baiona, Susana González. Defende a profesionalidade do sector, tanto no seu depósito como nos demais. «Os profesionais do sector somos neste momento os máis involucrados en salvagárdaa e protección dos recursos e do medio mariño», advirte. Tampouco a patroa da Guarda, Silvia Crespo, asumira aínda o temón do depósito aquel San Xoán difícil de esquecer: «Aquela operación tivo moita repercusión, tanta como para acabar por fin cunha práctica ilegal que todos condenamos sempre, porque o sector protexe ó seu medio de vida», indica. Coinciden con ela o vicepatrón segundo de Redondela, Severino Diz, e os patróns de Arcade e Cangas. Este último, Javier Costa, apunta que é necesario concienciarse de que «ter unha pesca sostible ó longo do tempo» pasa por non agredir o medio.

Antes dese 22 de xuño do 2010 houbo meses de investigación a cargo do grupo de información da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 2 de Cambados, con miles de horas de gravacións telefónicas, entrevistas e seguimentos que desembocaron na última parte da operación Avó. No escrito de acusación, a Fiscalía consideraba que a dinamita era almacenada polos acusados para empregala na campaña da sardiña, e que a usaron durante catorce anos, entre 1996 e aquel día do 2010 no que desembarcaron máis de medio centenar de gardas civís das distintas especialidades no porto de Vigo. Utilizando o explosivo capturaron 2.000 quilos de sardiña os días 21 e 22 de xuño do 2010 fronte ás costas da Guarda mediante unha práctica ilegal que puña «en risco a seguridade pública».

A operación desenvolveuse de forma paralela en Portonovo e en varias leiras de Adina, en Sanxenxo. Os dous últimos arrestos producíronse cando caeron no Morrazo e Arbo quen traían os explosivos de Portugal.