«Agora valoro cousas que antes pasaba por alto»

a voz VIGO

VIGO

cedida

A fondista viguesa do Barcelona pisa o tartán de Balaídos e analiza a corentena

31 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ester Navarrete, a fondista viguesa do FC Barcelona, está cada vez máis preto de completar o círculo. Confinouse e comezou a adestrar no seu domicilio o 14 de marzo, o 2 de maio saíu a correr por primeira vez aproveitando o cambio de normativa e o pasado venres volveu pisar o tartán da pista de Balaídos case tres meses despois. Só lle falta volver á competición para pechar o catálogo da nova normalidade.

«Facíame a idea de que era máis blandita, pero ao final é que non estabamos acostumados estar con contacto con ela», comenta a viguesa do seu primeiro contacto co tartán de Balaídos mentres confesa que «ao principio tiña medo de ver como se corre aí, pero en realidade trátase de facer o que estou a facer todos os días, pero si que é certo que me motiva máis estar na pista e na contorna de competición», indicando a continuación que o seu bautismo na pista consistiu en «uns cambios de cinco minutos. Non quixen ter referencias para entrar en contacto e parecíame máis dura que de costume». A súa idea agora é visitar o recinto en días intercalados cando a folla de preparación indique que toca facer series e de paso calzarse as zapatillas de cravos, algo non fixo na súa primeira incursión: «Quero para empezar a meter as zapatilla de cravos e facer cousas rápidas e distintas que por fóra non se pode facer».

Botando a vista atrás, Ester Navarrete recoñece ter pasado momentos complicados sobre a longa corentena provocada polo coronavirus: «Houbo momentos moi duros, de querer desafogarme e querer saír e fíxolleme algunha semana costa arriba, pero pouquiño a pouco víase máis a luz e co que ían quitando de restricións ía a aumentando o adestramento e aproveitábao ao máximo, valorábao moitísimo».

Destes dous meses longos a fondista criada no Celta saca conclusións para a vida: «Aproveitei moitísimo o tempo e agora creo que valoro moito máis outras cousas que antes as pasaba por alto».

Agora, o próximo obxectivo debe ser o regreso á competición. Escoitou que a Federación Española podería sacar un novo calendario ao longo do mes de xuño, que a competición local podería arrincar en xullo e que os campionatos de España tería lugar a finais de agosto. Todo por confirmar e pendente da evolución dunha pandemia que cambiou os hábitos dos atletas.