«No confinamento logrei rematar unha obra para a banda de Chapela»

María Jesús Fuente Decimavilla
maría jesús fonte TOMIÑO / LA VOZ

VIGO

Susana Estévez

O compositor goianés Andrés Álvarez inspirouse nun libro da viguesa Ledicia Costas

31 may 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Son moitos os compositores que, ao contrario do que cabería agardar, confesaron a súa incapacidade para ampliar o repertorio durante o período de confinamento. Non é o caso do músico tomiñés Andrés Álvarez, quen logrou rematar unha obra para a súa terra e avanzou noutra xa iniciada para Portugal. «O traballo de compositor varía pouco da situación excepcional provocada pola pandemia do coronavirus á habitual porque traballamos confinados no estudo. Eu si que aproveitei para adiantar unha chea de traballo, rematei unha obra para a banda de Chapela conmemorativa do 25 aniversario e baseada no libro A balada dous unicornios, da escritora viguesa Ledicia Costas», explica. É a segunda vez que compón inspirándose nos seus libros. Na anterior elixiu Escarlatina, a cociñeira defunta. O músico dirixe a banda de Chapela desde fai cinco anos, un luxo para a formación tendo en conta o seu recoñecemento internacional como o que logrou en Hollywood coa peza musical Symphonic Sketches.

Co gallo da pandemia a formación redondelana viuse obrigada a parar e agora estuda cando e de que forma producirase o regreso. A idea era estrear a nova obra en outubro ou novembro, algo que está no aire e que se programará en función das circunstancias.

O compositor non oculta a incerteza existente no sector. Gardar dous metros de distancia entre un músico e outro impediría ofrecer concertos en auditorios e podería obrigar a ir aos poucos, a incorporarse en grupos pequenos.

A outra obra na que se centrou é un encargo para final de ano dunha banda portuguesa. O nome non se pode desvelar por tratarse dunha sorpresa, será un agasallo do director con motivo do 180 aniversario da formación. Unha das diferenzas entre as bandas galegas e as do país veciño é precisamente a lonxevidade. Mentres que as lusas se manteñen no tempo e son numerosas as que celebran o centenario, en Galicia o habitual é que cumpran 20 ou 30 anos.

Entre os últimos traballos de Andrés Álvarez figura o de orquestador na banda sonora da película de debuxos animados A Galiña Turuleta, do compositor coruñés Sergio Moure. A súa misión consistiu en orquestrala e preparala para gravar coa Orquestra Sinfónica de Macedonia.

O feito de residir na parroquia tomiñesa de Goián non supón un impedimento para a súa carreira. «Axuda se estás no centro do meollo máis que nada no que se refire a programación cultural e contactos, pero a día de hoxe, coas tecnoloxías, non hai tanta diferenza como hai 50 anos. Compós e envíalo por PDF a unha orquestra ou feixes unha videollamada cun director. Ás veces, en casos puntuais co gallo dalgún proxecto, tiven que viaxar a Madrid, Valencia...».

A vantaxe de residir a menos dun quilómetro de Portugal permítelle dar clases de Harmonía, Orquestación e Análise na Academia Europea de Dirección de Banda, unha institución dese país que organiza encontros mensuais itinerantes. Aínda que boa parte deles teñen lugar no Porto, tamén se celebraron en localidades da beira galega como O Rosal e Goián (Tomiño). A pandemia obrigou a parar durante dous meses e na actualidade retomou a actividade en liña nas mañás dos sábados.

Boa mostra da actividade imparable de Andrés Álvarez é a súa colaboración actual co trompetista vigués Rubén Simeó nos arranxos e preparación da música para o repertorio dos concertos do próximo ano. Tamén colabora co pianista estremeño Antonio Luis Suárez na preparación dun espectáculo con vistas á seguinte tempada.

Á hora de valorar o seu medio centenar de composicións, entre música de cámara, para banda e coro, di sentirse orgulloso de todas. «Si que cando pasa o tempo e as escoitas, pensas que igual non as volverías a facer así ou que cambiarías algo, sobre todo nas primeiras, que moitas veces, aínda que parezan sinxelas, igual foron máis complicadas de facer; a aprendizaxe lévache por outro camiño ou outra linguaxe». No seu caso, pode permitirse vivir da música ao dirixir unha banda e dar clases, pero recoñece que vivir só de compor é difícil.