O Arquivo Provincial abre os seus tesouros

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

VIGO

Internet

A institución cultural mostra documentos de gran interese histórico a través das redes

29 abr 2020 . Actualizado ás 00:19 h.

A imposibilidade de realizar unha vida plena fose das paredes dos domicilios provocou un considerable crecemento no consumo de contidos diversos en Internet. E dun xeito case sorprendente, destacan os procedentes do ámbito cultural. A maior parte das institucións con este carácter reaccionaron rapidamente e empezaron a fornecer nas redes sociais as súas respectivas ofertas físicas habituais.

A Xunta de Galicia creouse un hashtag titulado #aculturasegue, e tras el situouse o Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. Esta institución, que custodia preto de nove quilómetros de documentos, emprega a súa conta en Facebook para divulgar algúns dos seus tesouros documentais. Engade tamén contidos do seu ámbito, pero que son alleos ás súas competencias, concentrando nun mesmo muro unha infinidade de posibilidades para os cidadáns.

As persoas interesadas na historia, a arte ou o patrimonio máis próximo poden acceder a cuestións curiosas en soporte fotográfico e audiovisual. A través destes dous medios de comunicación chégase a contidos relacionados con distintas localidades da provincia.

Internet

O primeiro día de confinamento, o Arquivo subía un plano do camiño real entre Pontevedra e Ourense realizado a mediados do século XVIII por un frade do convento de San Francisco de Pontevedra. Desa mesma época é o Catastro do marqués da Enseada, un estudo exhaustivo realizado en tempos de Fernando VI para que o Estado tivese unha idea aproximada de como era España. No Facebook do Arquivo Histórico Provincial pódese ver a parte correspondente á parroquia covelense da Lamosa. Son curiosidades que poden sorprender ao público en xeral, xa que os especialistas saben perfectamente onde atopar este tipo de información.

O arquivo pontevedrés tamén colabora co seu homónimo ourensán para mostrar elementos que teñen a súa vinculación provincial. É o caso dun documento de Bernardo González do Val, Cachamuíña, un dos heroes da Reconquista de Vigo fronte os franceses. Nestes papeis manuscritos, Cachamuíña aínda é un simple capitán de granaderos e cando o escribiu, ou mandou escribir, aínda faltaban catorce días para que fose ferido o asalto ás murallas de Vigo o 28 de marzo de 1809. O escrito está acompañado polo único retrato que se conserva do heroe ourensán.

Visitas virtuais

Un importante engadido que teñen todas as entradas neste perfil é a información complementaria que ofrecen. Por exemplo, móstrase a parte correspondente a Arbo dos cadernos de campo catastrais, pero tamén se dá acceso á fonte orixinal onde se pode ampliar a información correspondente.

Desde o Facebook do Arquivo Histórico Provincia de Pontevedra pódese, mesmo, acudir ás distintas opcións virtuais que ofrecen os museos galegos ou determinadas visitas a través de Internet a monumentos da comunidade. É o caso, ademais espectacular, do paseo virtual polo interior da catedral de Tui. A porta ábrese a través de Turismo de Galicia. Ou a contemplación da exposición Galicia, un relato non mundo, que acolle a Cidade da Cultura.