O Sergas empeza a deseñar o hospital de campaña de ata 300 camas no Ifevi

Ángel Paniagua Pérez
Anxo Paniagua VIGO / LA VOZ

VIGO

Xoán Carlos Gil

Os centros sanitarios da cidade xa teñen máis de 600 reservadas só para COVID, con 190 ocupadas

03 abr 2020 . Actualizado ás 00:20 h.

A dirección da área sanitaria de Vigo empezou a traballar no deseño dun posible hospital de campaña no Ifevi. O caso de Vigo é diferente ao da Coruña e Santiago, pois aquelas áreas sofren unha presión sobre as ucis e sobre as plantas de hospitalización moito maior da que se vive no sur, onde aínda hai moita marxe de crecemento, segundo coinciden todas as fontes consultadas. O propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cando o martes anunciou que se activaba a posta en marcha dos hospitais de campaña da Coruña e Santiago, recoñeceu que o de Vigo era un plan B e hai quen apunta que mesmo pode ser un plan C ou un plan D.

Pero os xestores sanitarios xa traballan sobre os planos para para deseñar un plan funcional, aínda que sexa co convencemento de que non se usará. Están a analizar que posibilidades hai -o recinto feiral de Cotogrande ten 38.000 metros cadrados cubertos- e tamén que necesidades teñen. En ningún caso contémplase usalo todo, senón só unha parte, para que teña un tamaño similar ao da Coruña ou Santiago, que se van mover entre as 200 e as 300 camas.

As fontes consultadas no sector sanitario aseguran que ese plan funcional se deseñará para hospitalización convencional, non para uci. Outra das premisas é que ese posible hospital de campaña poida servir para reforzar as necesidades de Pontevedra e Ourense, áreas que non teñen unha infraestrutura hospitalaria tan grande como a de Vigo nin pública nin privada e que, por iso, notan maior presión estes días.

Non será para críticos

En principio, as necesidades de coidados críticos estarían cubertas coas camas das que dispoñen o Cunqueiro, Povisa e Fátima. O Cunqueiro ten activas neste momento 30 camas de uci dedicadas só a COVID-19 e poden crecer a 45 de xeito case inmediato; despois habería máis capacidade, incluso usando os quirófanos. De momento, ten 18 pacientes.

Fontes de Povisa din que nese hospital xa se liberaron 20 camas de críticos para coronavirus. Toda a uci destinouse a estes enfermos e o resto hase habilitado unha segunda uci non-COVID nunha sala posquirúrgica. Teñen 9 pacientes.

Fátima ten sete camas de uci, aínda que cun duplicador nos respiradores poderían ser catorce. Agora teñen dous pacientes hospitalizados nesa unidade.

Polo tanto, en Vigo actualmente hai capacidade para 57 persoas nas ucis e xa hai 29 ingresados, pero con capacidade para crecer.

Despois está a hospitalización convencional, en planta. Os tres hospitais teñen cuartos só para casos sen confirmar e, aínda así, teñen moitas que están baleiras só por se hai unha avalancha de casos de coronavirus. No Cunqueiro hai xa oito unidades dispoñibles. Terían capacidade para ingresar a unhas 350 persoas. Agora hai 86 nas plantas do hospital de Beade.

Povisa xa ten reservadas tres plantas de hospitalización, din fontes do centro sanitario. Tamén con moita marxe. En total, xa ten unhas 140 prazas dispoñibles para usar en casos de COVID-19, e ten 62 ocupadas. Poderíanse liberar máis.

En canto a Fátima, ten dúas plantas de hospitalización e unha delas está reservada en exclusiva para estes pacientes. Se se converten en dobres, teñen un máximo de 70 camas, e só 14 están ocupadas neste momento.

En total, os hospitais de Vigo contan xa cunha capacidade de 560 camas de hospitalización convencional, e están ocupadas 160, de modo que hai 400 baleiras. Sumando as de uci, a dispoñibilidade inmediata é de máis de 600 postos e hai 190 ingresados.

Máis camas

Pero as áreas de Pontevedra e Ourense non teñen tanta folgura e por iso o Ifevi podería servir para reforzalas. En Pontevedra xa teñen 96 ingresados (18 en uci, máis que no Cunqueiro aínda que a área de poboación é menor). Na provincia de Ourense hai 590 infectados, dos que cen están en planta o hospital da capital provincial, e quince en uci. Xa non son só eses número, senón tamén a menor capacidade de hospitais privados nesas dúas áreas. O Ifevi está ben comunicado, con acceso doado por autoestrada.

En Vigo o número de casos tampouco deixa de crecer. Na cidade había onte pola mañá 955 casos activos -os datos oficiais do Sergas sempre fan referencia á noite anterior-. Xa se rexistraron 21 mortes, e ao longo do día coñeceuse outra na residencia de Aldán, en Cangas. A situación das residencias disparou o número de casos, porque xa se produciron 307 contagios, sumando usuarios e traballadores. Van once mortes.