O Guardés, a reivindicarse ante o líder Bera Bera

a voz VIGO

VIGO

cedida

O equipo donostiarra chega á Sangriña sen coñecer a derrota tras dez xornadas

24 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O Atlético Guardés estrea un novo escenario con xunta xestora cun partido grande na Sangriña que talvez poida servir de termómetro da situación. As de Prades reciben desde as nove da noite ao líder Bera Bera. Segundo contra primeiro con catro puntos de distancia polo medio.

O partidazo desta noite quedou nun segundo plano despois dos últimos acontecementos. José Manuel Silva e o resto da súa xunta directiva presentaron a súa dimisión irrevogable na noite do mércores e o futuro do que fose campión de liga no 2017 está no aire.

Con todo, o equipo ten agora a oportunidade de reivindicarse na cancha. De entrada poucos eran os que contaban co Guardés para loitar polo título de liga nesta edición da liga, pero despois de dez xornadas as de Prades mantéñense a rebufo dun intratable Bera Bera, que chega á Sangriña sen coñecer a derrota. Só cedeu un empate co Elxe. «Temos un partido moi bonito para pechar a primeira volta. Ninguén nos regalou nada para estar a catro puntos do líder, pero temos cero presión», comentou Prades.

As da Guarda non caen en liga desde o pasado mes de outubro cando o fixeron en Valladolid . Desde entón só cederon un punto ante o Xixón. As locais terán as ausencias de Laura Morais e Sarah Valero pero recuperan a Sara Bravo xa ten a alta e poderá volver xogar tres partidos despois.