Existen os aniversarios infantís sen gusanitos nin azucre en Vigo?

Laura Míguez Rúa
L. Míguez VIGO

VIGO

Óscar Vázquez

O espazo A Mona Chita, en Velázquez Moreno, é un espazo de lecer para familias con pequenos que conta entre as súas opcións con celebracións que teñen un menú saudable: pizza de tomate natural e queixo, froita de tempada, palomitas sen aditivios e un biscoito sen azucre

22 ene 2020 . Actualizado ás 23:19 h.

Máis aló dos parques de bólas, os refrescos de cores, as chucherías e os gusanitos hai outros aniversarios. Alí os nenos prepáranse a súa propia merenda: unha pizza artesá de tomate natural e queixo, toman froita para acompañar e o biscoito adózase con dátiles. Os pequenos gozan dunha instalación artística nun local no centro de Vigo para eles só, buscan os seus agasallos durante un xogo e marcan eles os ritmos e tempos guiados por dúas educadoras. Así son as celebracións infantís na Mona Chita (Velázquez Moreno, 5), aínda que en realidade esta non é a súa especialidade.

En realidade a idea do centro, un espazo de lecer que aos poucos ha ir diversificando as súas actividades, é ofrecer aos nenos de Vigo un lugar onde explorar, crecer e xogar de forma libre e particularizada. Patricia Gestoso Abrain, a responsable, está detrás deste concepto xunto ás súas irmás. «Tiñamos un estudo de deseño na Avenida Atlántida pero en 2013 decidimos diversificar. Isto naceu coa idea dun espazo de lecer para familias e agora somos un referente nas instalacións artísticas. Non nos gusta frivolizar coa infancia, tomámosnola/tomámonola moi en serio», conta Gestoso.

O horario de apertura é de 8.15 a 16.00 e nese tempo acollen aos pequenos, na súa maioría nenos de dúas e tres anos, que acoden a pasar algunhas horas. Son grupos pechados de nenos que exploran xogan e tamén poden participar dos talleres que se organizan, de forma fixa ou puntual. 

Os martes, na Mona Chita é a quenda de cociñar, a bloguera Catalina Prieto ofrece talleres de cociña para pequenos de entre 3 e 4 e ata 8 anos. Tamén hai taller de exploración artística a partir de cinco anos, nos que as monitoras dal libertada aos nenos e adaptan as actividades en función dos seus intereses. «Normalmente temos varias opcións en simultáneo, para que os nenos poidan cambiar, para iso hai que ter unhas instalacións adecuadas claro. Por suposto atendemos a nenos con necesidades especiais ou diversidade funcional non facemos diferenzas», engade o seu responsable. Xunto a ela, outras tres educadoras encárganse de que os pequenos saian cun sorriso de orella a orella do centro. 

Entre as opcións que teñen na Mona Chita, tamén destacan os talleres vivenciais para mestres, porque «queremos levar a nosa forma de traballar aos colexios para intentar achegar un cambio na educación, xa que cada neno é diferente e ten unha forma diferente de aprender». Ademais, fan visitas escolares nas que os pequenos pasan pouco máis dunha hora nas instalacións explorando.

Os prezos para os nenos que queren acudir de mañá, con liberdade dehorario, é de 280 euros mensuais. E para os aniversarios a cota é de 18 euros por neno, aínda que as familias que se decanten pola opción saudable terán un desconto dun 10%. A previsión para esta nova tempada é incluír novidades en canto aos talleres, que irán anunciando nas súas redes sociais. 

Óscar Vázquez