Koalas de palleiro

Eduardo Rolland
Eduardo Rolland A BUJÍA

VIGO

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ante as tráxicas imaxes dos incendios en Australia, é o momento de traerse a Galicia aos koalas. Porque son o único que lles falta aos nosos bosques. O sábado pasado, veciños de Coruxo, xunto a voluntarios da asociación Verdegaia, limparon media hectárea de montes invadidos polo eucalipto despois dos dramáticos incendios forestais do 2017. Estas árbores orixinarias do continente austral foron introducidos aquí polo monxe tudense Rosendo Salvado no século XIX. E compórtanse como unha praga. A súa capacidade de colonización do territorio é enorme, arrasando toda a vexetación autóctona.

Mentres Portugal decretou unha moratoria para a súa plantación, en Galicia seguimos alentando o seu cultivo por todo o país, co agravante de que tampouco se controla a súa expansión salvaxe. Xa non é só que se planten máis eucaliptos: é que o invaden todo de forma espontánea sen que haxa un plan político para atallar este desastre. Son os veciños e os grupos ecoloxistas os que ven obrigados a mitigar o problema.

Así que, se en realidade convertemos Galicia nunha nova Australia, fagámolo xa completamente. E traiamos como refuxiados a eses pobres koalas, eses tranquilos e simpáticos marsupiales que nos fan morrer de pena cada vez que os vemos en televisión cercados polo lume no outro confín do mundo.

Onde van estar mellor os koalas que en Galicia? Estamos a desexar velos subidos aos nosos eucaliptos. E masticando apraciblemente as súas follas, de modo que probablemente sexan o animal co alento máis fresco do planeta… ¡Sede benvidos, queridos koalas de palleiro!