«O noso planeta» ten moito que ver

VIGO

A obra social de Abanca prepara novas exposicións para as próximas semanas

16 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Ao longo do primeiro trimestre deste ano, Afundación renovará as ofertas plásticas e propostas didácticas complementarias en todas as súas sedes galegas. Tras a boa acollida que tivo o proxecto multidisciplinar Sonoro empeño, aínda aberto en exclusiva para visitas de escolares de carácter didáctico, poderá contemplarse na Sede Afundación Vigo O noso planeta, que permanecerá na cidade ata o mes de xuño.

Con esta mostra, Afundación incide na urxencia do coidado e do respecto pola contorna, co fin de preservar condicións de vida adecuadas para as especies do planeta. A exposición O noso planeta está baseada na serie homónima da plataforma e na que participa David Attenborough. Este traballo fotográfico intenta concienciar sobre a problemática á que se enfronta o planeta pola acción do home: plásticos, encoros, quecemento global, contaminación, etc. A través se imaxes, o espectador mergullarase na beleza do planeta Terra para reflexionar sobre o impacto da actividade humana, así como sobre a necesidade inminente de incorporar a sustentabilidade ás sociedades. É unha exposición con imaxes sorprendentes, elementos audiovisuais e interactivos, realidade virtual e unha mensaxe imprescindible.

Como complemento á mostra, Afundación desenvolverá un amplo programa de actividades para todas as idades

No Teatro Afundación Vigo, pola súa banda, recalará a mostra xurdida das imaxes da fotógrafa Virginia Rota e o seu proxecto gañador do VI Premio Galicia de Fotografía Contemporánea, que organizaba a asociación Outono Fotográfico.

Pola súa banda, o Café Moderno Afundación de Pontevedra despediu a exposición que desde o 23 de outubro pasado viña albergando. Con D de arte. Unha ollada infantil á Colección de Arte Afundación máis contemporánea dará paso, desde o 10 de febreiro, á mostra organizada en colaboración coa Fundación Xeral CSIC titulada A vivir que son cen anos que propón unha reflexión acerca da lonxevidade, un dos grandes logros da humanidade.