Gretas Thunberg nos colexios e institutos da comarca de Vigo

Antón lois AMIGOS DÁ TERRA VIGO\TERRA.ORG

VIGO

Alumnos e profesores implícanse no programa Recreos Residuo Cero

08 dic 2019 . Actualizado ás 23:06 h.

Non vexan o que vai dar de si o Cume Mundial do Clima Cop25 a nivel local, incluíndo polo que imos coñecendo: moita mentira, media verdade e non pouca vergoña allea. Pero como o evento segue e é pronto para sacar conclusións, permitan que aproveitemos para presentar unha campaña escolar moi relacionada coa urxencia climática e, neste caso, para ben, cunha orixe próxima polas súas profes e profas implicadas no seu lanzamento.

 Chámase Recreos Residuo Cero e con semellante denominación xa se imaxinarán en que consiste. O contexto é moi claro e fundaméntase así: como docentes comprometidas e comprometidos coa educación ambiental e a loita contra a crise climática queremos concienciar á comunidade educativa e implicala na redución da súa pegada ambiental. Este programa inclúe, xa que logo, a toda a comunidade educativa, porque as familias xogan un papel importante, pois deciden os que os seus fillos e fillas levan ao cole. A partir de aí cada centro adopta e adapta o programa ás súas circunstancias. O obxectivo queda claro na propia definición da campaña, que se fundamenta nun principio fundamental: reducir a cantidade de residuos é o primeiro paso na orde de prioridades para abordar a xestión da inmensa cantidade de lixo que xeramos e que segue aumentando en crecemento exponencial. Reutilizar vén a continuación e reciclar debería ser a última opción aplicable só ao que previamente non poidamos REVISAR reducir ou reutilizar.

 Desta forma, asumindo que a escola non deixa de ser un reflexo da sociedade pero pode (e debe) ser a semente dun cambio social analízanse os feitos. O que comemos no recreo produce lixo, os residuos contaminan e podemos reducir o seu impacto. É tanto como engadir outra R, a de reflexionar. A continuación, o reto: reducir os residuos que xeramos nos recreos. Como? Pois van unhas cantas pistas: comer froitas (que non necesitan empaquetados absurdos), usar envases reutilizables para a comida (xa temos mesmo tutoriales para elaborar «portabocadillos ecolóxicos»), usar cantimploras para beber... Desta forma escaparemos das trampas: briks, pajitas, aluminio, envases de filme e outros plásticos desechables, bollería industrial.

 Este programa, que acaba de empezar con este curso, non para de sumar adhesións urbi et orbi desde que se lanzou en setembro e xa é frecuente ver a súa imaxe en coles de Vigo, O Porriño, Redondela e un longo etcétera, só por citar a nosa comarca. Estas cousas nunca xorden por casualidade nin son procesos illados, é unha acción máis para combater a urxencia climática e sempre hai alguén detrás. Poderiamos citar moitos nomes, pero permitan que hoxe, coa inxustiza que supón particularizar nunha persoa este proceso de procesos colectivo, recoñezamos o traballo de Miriam Leirós, profe no cole Antonio Palacios de Porriño, sen esquecer ao resto de Teachers for Future e as escolas polo clima. Xa están a xurdir (e isto só acaba de empezar) moitas Gretas Thunberg polas escolas e institutos da comarca de Vigo, en boa medida grazas a Miriam e a moitos profes, nais e pais e a súa forza inspiradora. É, con diferenza, o máis esperanzador que vivimos a nivel global e local en moito tempo. Cando se fai educación ambiental en serio pasan estas cousas e con estas consecuencias. Dicíao Greta Thunberg referíndose ás desmesuradas críticas que recibe ela e o seu movemento: véselles desesperados, non será que estamos a gañar? Non sabemos se chegaremos a tempo, pero citando a Bob Dylan, que é citar a un premio Nobel, «se o tempo é para vós algo que merece a pena conservar, entón mellor que empecedes a nadar ou afundirédesvos como unha pedra, porque os tempos están a cambiar».