«O disco é parte do operativo de rescate»

VIGO

SAMUEL MOREDA

O músico vigués Nicolás Pastoriza presenta o sábado na Fábrica o seu proxecto para axudar a ProemAid coa súa arma, que é a música

06 dic 2019 . Actualizado ás 05:35 h.

O pasado luns, 2 de decembro estreouse en todas as plataformas dixitais o último disco de Nicolás Pastoriza: Aliens & Cowboys, un traballo no que o vigués puxo un empeño especial xa que está feito entre amigos e por unha boa causa. O proxecto preséntase cun concerto o sábado 7 de decembro ás 22.00 horas na Fábrica de Chocolate. -De onde parte?

-Hai case un ano fixen unha canción que titulei Tras as concertinas, que aínda que é unha canción de amor xogaba coa referencia aos valos e tangencialmente quería facer referencia ao éxodo masivo de seres humanos cara ao Mediterráneo. Tras ese tema naceu outro inspirado pola mesma cuestión que chamei Defende Oropesa do Mar, en referencia á actitude cínica do españolito medio e o seu desprezo cara ao resto do mundo menos favorecido. Así se foi conformando un retrato que acabou nun disco con dez cancións que poderiamos chamar conceptual por ter un escenario común, como os que se facían nos 70, pero non ao estilo cantautor, que nunca me gustou nada. Os cowboys son os que defenden o seu rancho medorentos da invasión das nosas terras por parte dos aliens, que non son máis persoas que foxen dunhas condicións de vida horribles. As razóns que me levaron a retratar esta dramática situación tamén me levaron a cooperar coa oenegué ProemAid, a cuxa representante coñecín nun acto en Galicia.

-De que xeito colabora?

-Cedendo o custo da descarga dixital desas cancións para os operativos de rescate de persoas en risco que levan a cabo no Mediterráneo. É algo que pode facer todo o que queira participar. -Empezou só pero se han ir sumado máis artistas, non?

-Cando empecei a comentar o sentido deste proxecto a amigos, músicos, pintores, actores, produtores... Fóronse xerando ideas que poderían completalo aínda máis. Creamos un espazo web, non só para albergar as cancións se non tamén a obra plástica, fotografía ou camisetas. Todo baixo a epígrafe de Aliens & Cowboys e co mesmo fin solidario.

-Quen están?

-Moita xente á que agradezo o seu apoio desde o principio. Desde o artista Alberto Ardid, que leva a parte gráfica, á produtora Olalla Camaño, e todos os músicos que interviñeron en moitas cancións. Ademais da banda que toca comigo (Marcos Rivera, Sergio Martínez Puga, Yago Reigosa e Brais Iriarte), colaboran Iván Ferreiro, Amaro Ferreiro, Eladio Santos, Pablo Novoa, Laura Fontán, Charlie Bautista, Guadi Galego, Óscar Avendaño, Camarada Nimoy, Javier Embora, o actor Morris como narrador, Carlos Crós e A Cúpula, Luis Antelo, Sinsal, Estereoarte Estudos, Pepe Solla, e Juanjo Treus. Por outra banda, Juanma Lodo está creando a web aliensycowboys.com que se activará pronto, con obras que varios artistas colgarán para Proemaid, como Víctor Coyote, Marta Riera ou Ana Soler . Alí poderanse comprar xunto ao merchandising. Para min é moi ilusionante apoiar un operativo de rescate para que non se penalice o labor de xente que quere salvar vidas. Se conseguimos para gasas e gasolina para o barco doume cun canto nos dentes. O disco forma parte do operativo de rescate.

Sábado • 22.00 horas • A Fábrica de Chocolate • Entrada 7€ • No concerto pode haber invitados sorpresa e pódese comprar o cedé físico en edición limitada.