Caballero defende a Constitución fronte ao independentismo

VIGO

Óscar Vázquez

O alcalde avoga porque as leis recoñezan as competencias que xa cumpren as cidades e cre necesaria unha descentralización do poder das Comunidades Autónomas

06 dic 2019 . Actualizado ás 13:38 h.

O Concello de Vigo celebrou esta mañá no Marco o 40 aniversario da Constitución. O alcalde, Abel Caballero, defendeu no seu discurso a Carta Magna como ferramenta para facer fronte ao independentismo e aos que pretenden romper unilateralmente a esencia da democracia.

O rexedor dixo que este día se celebra hoxe máis que nunca pola existencia dun territorio do Estado que desafía a convivencia. Abel Caballero tivo ademais unhas palabras de recordo para Iván Álvarez, o policía nacional que resultou ferido por defender a Constitución en Barcelona. Tamén destacou que España é unha sociedade plural aberta e tolerante na que non caben os discursos de odio. Neste sentido, dixo que non teñen cabida os discursos de odio cara á inmigración, nin as violencias machistas ou a negación do cambio climático.

O alcalde avogou por un novo municipalismo e trasladar ás leis as competencias que xa cumpren efectivamente as cidades. Afirma que a política local é política total, que toma decisións en materia de industria emprego economía benestar etc. Por iso considera que é necesaria unha nova descentralización desde as comunidades autónomas ás cidades. Afirma que Vigo é un expoñente de modernidade e asume tantas tarefas e accións que demanda a sociedade e que as leis non o reflicten. Afirma que o modelo de participación de Vigo é un espello no que se miran outras cidades do país.

«Estamos a transformar a cidade, con centos e centos de humanizacións, con novos pavillóns deportivos, macro parques infantís, máis zonas verdes, ascensores e escaleiras mecánicas que revolucionan a nosa mobilidade, con novos espazos culturais sostidos case que exclusivamente polo Concello de Vigo, cunha nova universidade, a UNED, co Mar de Vigo, con carrís bici e parques de skate», destacou o rexedor.